Desde o Cenima, en Foz, realizarase o 30 de maio o programa de radio especializado en viaxes "Gente Viajera", que dirixe e presenta en Onda Cero Esther Eiros.

Este domingo, 30 de maio, o Centro de Interpretación da Mariña en Foz acollerá o programa de radio especializado en viaxes Gente Viajera, que dirixe e presenta en Onda Cero Esther Eiros e que se emitirá en directo para toda España dende o Cenima.

Trátase dunha importante acción de promoción que leva a cabo a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense para a promoción do xeodestino, con cargo ao convenio que o ente asina coa Deputación de Lugo. Colaboran coa iniciativa o Concello de Foz, a FCAM,  AciaFozCCA, Merluza de Burela, IXP Faba de Lourenzá e Vermú Arnao, de Discosta Norte. 

Esta colaboración público-privada ten por obxectivo a promoción a nivel nacional dos atractivos turísticos da Mariña Lucense, do seu comercio, da hostalería e do produto local pensando na reactivación económica da comarca, a destestacionalización da actividade e para dar a coñecer fóra de Galicia a variedade de produtos tanto pesqueiros coma agrícolas e bebidas de alta calidade que se producen no territorio para abrir mercado.

O presidente da Mancomunidade e alcalde de Foz, Fran Cajoto, convida “a todos a escoitar o programa en directo este domingo en Onda Cero a partir das 12.30 horas.  Estamos a promocionar o turismo de calidade e pouco masificado, nun momento complicado polo aumento da incidencia do covid nalgún concello da nosa comarca. Debemos protexer ao sector hostaleiro e do comercio, apostando por atraer turismo todo o ano. Iso si: sexamos responsables e manteñamos todas as medidas de prevención”.

O programa, que dirixe e presenta Esther Eiros, pioneiro dos programas de turismo en España e unha das voces mais autorizadas do periodismo de viaxes, contará nesta incursión na Mariña Lucense con colaboradores habituais como Raúl de Tapia, Irene González e Enrique Domínguez Uceta. Esther Eiros, galega afincada en Barcelona, entre outros moitos premios e recoñecementos á súa traxectoria profesional, foi nomeada o pasado ano primeira embaixadora do Camiño de Santiago, unha distinción concedida pola Asociación de Xóvenes Empresarios Lucenses.

O sábado 29, á súa chegada á Mariña Lucense, o equipo de Onda Cero aproveitará para coñecer en Lourenzá o Centro de Interpretación da Faba, a igrexa de Santa María do Mosteiro de San Salvador e o Museo de Arte Sacro. Poderán desfrutar dunha estancia e cea slow en Finca Goleta e o domingo dun menú de despedida no restaurante Xoiña, baseado tamén en produtos locais.

Trátase xa da terceira vez que, nunha colaboración público-privada, o programa se realiza dende A Mariña Lucense.