Do 2 ao 5 de agosto haberá moitas citas musicais en Ribadeo, así como a Festa do Percebe en Rinlo e a Xira a Santa Cruz.

Comeza unha semana de intensa actividade cultural en Ribadeo, segundo ven de anunciar o concelleiro Farruco Graña. 

O edil nacionalista contou que “o xoves, 2 de agosto, no Auditorio Hernán Naval, ás 21 horas temos concerto de piano a cargo do ribadense Guillermo Cruzado. Vai interpretar obras de Beethoven, Chopin, Shubert ou Isaac Albéniz. Este vai ser xa o seu segundo concerto en Ribadeo. Guillermo Cruzado estuda piano no Real Conservatorio de Música de Madrid. Ten recibido formación musical de carácter complementario da man de prestixiosos mestres como Ricardo Requejo e José María Colón, deste último nos cursos internacionais de Música en Compostela. Este concerto será o xoves, 2 de agosto, ás  nova da tarde no Auditorio Hernán Naval. Haberá un prezo único para todas as persoas asistentes: 3 euros”. 

Graña seguiu a relatar que “o venres día 3 tamén no Auditorio Hernán Naval ás 21 horas teremos o concerto de Mbira Dúo. Este dúo de percusión está composto por Irene Rodríguez e Noé Rodrigo. Mbira Dúo formouse en Zaragoza no ano 2014. Os seus integrantes, de Ribadeo e Altea, coñecéronse no Conservatorio Superior de Música de Aragón (CSMA), onde iniciaron este proxecto. Despois da súa graduación en 2014, continuaron os seus estudos no Conservatorium van Amsterdam (CvA), onde realizaron un máster de dous anos para ampliar as súas carreiras musicais, tanto en percusión solista e orquestral como en dúo de percusión. Este concerto será o venres, 3 de agosto, tamén ás nove da tarde no Auditorio Hernán Naval. Haberá un prezo único para todas as persoas asistentes: 3 euros”.

O concelleiro de Cultura engadiu que “tamén queremos lembrar que todos os domingos de agosto ás 11.30 horas haberá visitas guiadas para ver as pinturas murais do Santuario das Virtudes, na Ponte de Arante. Estas visitas guiadas son comentadas por Emilio Piñeiroa Lozano, bo coñecedor de dito templo. E non esquezamos que esta fin de semana vai ter lugar a Festa do Percebe de Rinlo, así como a Xira de Santa Cruz, organizada por Amigos da Gaita. Lembren que o sábado, á tardiña, vai ter lugar o Pregón da Xira ás 20:30 horas no Teatro de Ribadeo. Lerán o pregón os Rodeiros do Eo e haberá actuación e pasarrúas a cargo dos grupos da Amigos da Gaita, de Xoldra, da Subela, Aires do Padornelo, Caduncos e Os da Porfía”.