Do 4 ao 11 de decembro terá lugar en Ribadeo o VII Festival de Jazz & Blues. Marlango abrirá o evento.

Entre os días 4 e 11 de decembro celébrase en Ribadeo a sétima edición do Festival de Jazz & Blues de Ribadeo. As actuacións terán lugar no Auditorio Municipal Hernán Naval ás 20:00 horas. As entradas numeradas están á venda en https://www.gameoverpro.es. 

O sábado, 4 de decembro, o festival dará comezo co concerto que ofrecerá Marlango. Este grupo, con claras influencias de jazz e blues, xurde a finais dos 90 en Madrid e está formado por Leonor Watling e Alejandro Pelayo, que agora presentan o seu novo traballo, realizado durante o confinamento, titulado La Cruda.

O 8 de decembro o festival continuará coa actuación de Austin Slack, músico británico que con tan só 21 anos, ten tocado en máis de 1.400 concertos e colaborado con bandas como Maná e Love of Lesbian, recibindo algunhas das súas influencias de Prince ou Muse.

E o 11 de decembro remata o festival con Alfredo García Quintet. A súa música está enraizada no jazz e aproveita outros estilos como funk, rock e world music. A formación está integrada por Alberto García á guitarra e á composición, Bruno Couceiro á batería, Iago Mouriño ao piano, José García ao saxo e Pablo Sanmamed ao contrabaixo.