Ginzo Moda renovou a súa web para ofrecer on line unha gran parte dos produtos que ten nas súas tendas de Foz e Ribadeo.

Como consecuencia das restricións de mobilidade debido á pandemia Ginzo Moda decidiu renovar a súa páxina web (www.ginzomoda.com) para convertela nunha plataforma de venta on line na que ofrecer unha gran parte dos produtos de recoñecidas marcas que ten nas súas tendas de Foz e Ribadeo.

O propietario da firma mariñá, José Ginzo, explica que “debido á pandemia a mobilidade está restrinxida e xurdiu a necesidade de dar este novo paso no mundo on line. Vemos como grandes firmas están pechando establecementos e desviando ese potencial cara a venda on line; e nós, na nosa humilde situación e co potencial que temos, tamén decidimos presentar gran parte das coleccións que ofrecemos a través dunha páxina web coas últimas novidades tecnolóxicas, coa facilidade de comprar e poder recibir o produto na casa ou vir recollelo ás nosas tendas e cos sistemas de pago seguros de última xeración, con todo encriptado”.

Ginzo destaca que para poñer en marcha esta iniciativa contou co apoio das firmas que comercializa: “todas cooperaron brindándonos a súa imaxe para este proxecto e temos a ilusión de que sexa un complemento á venda nas tendas físicas. Está claro que agora conviven os dous sistemas de venda, pero debido á pandemia entrou no mundo on line un sector de público que ata o de agora era remiso a isto, pero as necesidades obrigárono a conectarse a internet para moitos trámites, como por exemplo concertar citas médicas. E iso provocou que a xente fora perdendo o medo tamén a comprar a través de plataformas seguras e serias de calquera tipo de establecemento. De momento queremos seguir á marxe de Amazon, facendo unha venda máis personalizada”.

Antes de facer o lanzamento da nova páxina web, con promoción da mesma a través de diferentes medios, “curiosamente xa recibimos pedidos de diferentes sitios de España a onde nos parecía incrible que puidéramos acceder. E isto é posible porque agora non hai barreiras e a xente de calquera lugar localízate enseguida. Ademais en 24 ou 48 horas somos capaces de poñer unha prenda en calquera lugar de España. Tamén é importante para o cliente, cando entra nunha páxina deste tipo, saber que respaldo ten. E cando ve que hai marcas de moito prestixio e unha plataforma de pago seguro iso dálle garantía”, comentou José Ginzo.

Estes días en Ginzo Moda están incluíndo moitos produtos na páxina web porque “agora é cando recibimos as coleccións para a tempada de primavera verán e a medida que nos chegan tratamos de poñer esas prendas canto antes, non só para comercializalas on line senón tamén para que as clientas e clientes da zona as vexan e despois veñan ás tendas a probalas. É unha forma de complementar a tenda física”.

Como Ginzo Moda ten moitos clientes de Asturias o propietario do negocio remata comentando que “xa que os asturianos non poden vir visitarnos a ver se somos capaces de levarlles o xénero alí”.