O 24 de xullo terá lugar no Complexo RegalXunqueira, de Viveiro, un obradoiro de arteterapia con barro, que será impartido por Renata Otero.

O Complexo Regalxunqueira de Viveiro organiza este sábado, 24 de xullo, un obradoiro de arteterapia con barro titulado Modela a túa inimiga interior para transformarte na túa mellor aliada.

A actividade desenvolverase de 11:00 a 14:00 horas e será dirixida por Renata Otero, artista de orixe mariñá que leva establecida hai uns anos en Santiago e que conta con vintecinco anos de experiencia como formadora de arte e combina o coaching de vida co arteterapia desde hai seis anos.

Trátase dunha proposta diferente que mestura o lecer co autodesenrolo persoal e que ofrece a posibilidade de favorecer un encontro entre a persoa e a arxila que vai manipular dun xeito profundo e sanador. Nas tres horas que dura o obradoiro, practicarase unha meditación moi doada para non iniciados, un pouco de escritura automática, dous traballos de modelado e unha reflexión conxunta. Mentres os asistentes estean a modelar, coas pautas de Renata Otero, irá desmontando o feito no que se descualifica ou boicotea no día a día. A idea é que todas as mulleres que acudan saian moito máis empoderadas e sabéndose valiosas. Para facer a actividade non é preciso ter ningunha experiencia co modelado nin coa práctica artística xa que se vai crear dun xeito moi libre, o que é importante é o proceso e o xuízo, estético ou técnico, queda fóra.

O prazo de matrícula remata o 22 de xullo e as prazas, que son limitadas, cubriranse por orde de inscrición. As persoas interesadas poden anotarse en https://mailchi.mp/bb09fd2fe1ee/nx4h0pk3ri, no teléfono 610 574 345 e no email risasecores@gmail.com.