O CCH de Viveiro organiza unha campaña para elixir cada mes ao empregado favorito do comercio e da hostalería

O Centro Comercial Histórico de Viveiro comeza este luns 15 de xaneiro unha nova campaña para que os clientes poidan escoller ó seu empregado favorito tanto de comercio como de hostalaría. 

O obxectivo desta campaña consiste en realizar un recoñecemento a tódolos empregados, polo bo facer e pola atención ó público. Sabemos que estar cara ó público moitas veces tórnase complicado, non sempre é doado atender as peticións dos clientes e por iso queremos premiar tanto a fidelidade dos clientes como o bo desempeño dos empregados. 

A forma de participar é moi sinxela, só hai que descargar a App ViveiroCCH onde está habilitada a campaña co nome do Concurso e pódense ver tódalas fotos dos empregados participantes e o negocio onde traballan. 

Hai dúas categorías, por un lado comercio e por outro hostalaría. Os clientes poderán realizar votacións tanto para comercio como para hostalaría, pero nunca votar 2 veces á mesma persoa. 

O último día do mes procederase ó reconto de votacións onde sairán elixidos os empregados gañadores, e farase un sorteo entre tódolos votos realizados. Para as votacións do seguinte mes poranse os contadores a cero, dando a posibilidade de novas votacións. Os empregados do mes gañadores eliminaranse da lista, de modo que cada mes gañen uns distintos. 

Os clientes poderán votar e participar no sorteo tódolos meses. Ponse en marcha en xaneiro e durará ata abril. 

Haberá premios tanto para os empregados gañadores como para os clientes que voten, para estes últimos sortearanse 100€ cada mes en vales de compra, que se poderán gastar en calquera negocio asociado ó CCHV. 

Unha campaña distinta que busca o recoñecemento e a motivación dos empregados.