O CD Lugo e a SD Ponferradina disputarán o 13 de agosto o XXIX Trofeo Villa de Foz de fútbol. Organiza: CD Foz coa colaboración do Concello.

A XXIX edición do trofeo Villa de Foz de fútbol celebrarase o vindeiro domingo, día 13, no estadio Martínez Otero ás 19:30 horas. Enfrontaranse os equipos do CD Lugo e a SD Ponferradina e está organizado polo CD Foz coa colaboración do Concello. O evento foi presentado este mediodía.

O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, salientou: “estamos a presentar un dos eventos propios do verán do noso Concello, é a XXIX edición do Trofeo Villa de Foz. Neste ano a cooperación do Club Deportivo Foz, que sempre é moi boa, é moitísimo maior, e isto fai que o día 13, domingo, imos ter no Villa de Foz a dous equipos de primeiro nivel: tanto o Club Deportivo Lugo, de Segunda División, como a SD Ponferradina, da comunidade veciña, que está en Segunda B e con aspiracións a ascender a Segunda”.

O rexedor focense engadiu que “será ás sete e media da tarde e pedimos a todos aqueles que sexan amantes do fútbol, tanto da Mariña como veciños que nos visitan de Lugo e de Ponferrada, e a todos aqueles outros afeccionados que estean pola zona ese día, que acudan a ver un bo partido de fútbol, un bo partido de pretempada”.

Javier Castiñeira quixo “agradecer a colaboración do Club Deportivo Foz, concretamente ao seu presidente, José María García Rivera, porque están facendo un traballo excepcional. Darlles os parabéns pola tempada pasada do equipo amateur, pero, por suposto, tamén polo traballo intenso que están facendo coas categorías inferiores, mantendo unha institución que ten desde o ano 1928 fútbol no noso concello e formando aos rapaces nunha serie de valores importantísimos que son fundamentais para a convivencia no noso concello”.

Pola súa banda o presidente do CD Foz, José María García Rivera, declarou que “este ano apostamos por un torneo eu creo que moi considerable polos equipos que van disputalo e todos eses esforzos desexamos que se traduzan en xente no campo de fútbol. Pedíannos que, dunha vez por todas, este trofeo tivera equipos de soleira e imos traer dous equipos como son o Club Deportivo Lugo e a Sociedad Deportiva Ponferradina, con moita historia dentro do fútbol español. Esperemos que a xente encha ese día o estadio Martínez Otero de persoas. Quero agradecer ao CD Lugo e á SD Ponferradina todas as facilidades que nos deron para disputar este partido. Tamén ao Concello de Foz, porque sempre está detrás destas accións que se fan e colabora perfectamente nesta nova edición do Villa de Foz. Este ano organiza o Club Deportivo Foz e temos que darlles as grazas a todos os afeccionados e directiva do Club Deportivo Foz que se están portando de marabilla para facer posible que o domingo 13 ás sete e media da tarde o Martínez Otero estea ateigado de afeccionados. Moitas grazas tamén á colaboración dos medios de comunicación por difundir este encontro e esperemos que todo saia ben”. 

O tesoureiro do CD Foz, Carlos Ron, manifestou que “o que pretendemos é achegar un partido de fútbol profesional á vila de Foz e tendo en conta que estamos nun lugar de vacacións, onde hai moita xente que veranea tanto de Lugo como da comarca do Bierzo, da zona de Ponferrada, entendemos que a este partido debería acudir xente tanto dunha parte como da outra. Ademais de ser un evento para achegar o fútbol profesional, entendemos que tamén tiña que ser interesante de cara a que houbera moito público”.

Carlos Ron anunciou ademais: “presentamos tamén o novo merchandising do club. Había moito tempo que non había absolutamente nada disto do Club Deportivo Foz. Presentamos unha bufanda co escudo e o logo do CD Foz, un pin e un banderín, que nos vale para intercambialo cos  equipos e tamén podemos vendelo como un detalle, pois hai moita xente interesada en telo. Imos vender unha bufanda tricotada polas dúas caras co seu pin a un prezo de 10 euros; e o banderín terá un prezo de 12 euros”. 

O directivo do CD Foz espera “que a xente acuda, non só tendo en conta que aquí veranea moita xente de Lugo e da comarca de Ponferrada; que afeccionados dun lado e doutro veñan ao partido, pero tamén pido aos veciños de Foz e A Mariña que acudan a este encontro, que creo que vai ser interesante. Hai que ter en conta que tanto para o CD Lugo como para a SD Ponferradina é o último partido de pretempada, pois o próximo día 20 esta xente está inmersa xa na liga: o Lugo en Segunda División e a Ponferradina en Segunda B. É o ultimo partido de preparación dos dous equipos e tamén eles tomárono moi en serio. Presentei o partido en Ponferrada e mañá estarei en Lugo; e tanto por un lado como por outro se toma moi en serio este partido por ser o último de pretempada”.