O Club de Atletismo Ría de Foz organiza a carreira individual desde a casa "Quilómetros Solidarios" este domingo, 5 de abril.

Coa iniciativa “Quilómetros Solidarios” o Club de Atletismo Ría de Foz pretende estimular a práctica deportiva e, a súa vez, axudar a todas aquelas persoas que o precisen nestes duros momentos. A pandemia global do COVID-19, ademais de poñer en risco a nosa saúde, ameaza con forza a economía de moitas familias, provocando que un dereito tan básico e necesario como a alimentación se vexa comprometido.
Deste xeito, desde o Ría de Foz queremos amosar, máis unha vez, que o deporte ten que ser unha ferramenta fundamental na transmisión de valores. Neste caso, témolo claro: a solidariedade. Desta saímos todos xuntos e xuntas e non queremos que ninguén quede polo camiño.

A iniciativa “Quilómetros Solidarios” é unha carreira individual desde a casa, que se desenvolverá o domingo 5 de abril desde as 8 mañá e ata as 20 horas do serán. Por cada quilómetro realizado entre esas horas o noso club doará 1 quilo de alimentos. Por exemplo se unha persoa é quen de amosar que entre esas horas do día 5 de abril realizou unha actividade deportiva, por exemplo de 5 quilómetros, nós doaremos 5 quilos de comida ao Banco de Alimentos de Foz, cos fondos propios do Club.

A actividade física debe realizarse o domingo 5 de abril entre as 8 horas da mañá e as 20 horas do serán. Ten que ser demostrable. Deste xeito enviarase unha captura de pantalla da actividade realizada, con algún elemento que inclúa a data para así poder verificalo, á seguinte dirección de correo electrónico: atletismoriadefoz@gmail.com. A actividade física de cada persoa non pode superar os 5 quilómetros. A proba pódese realizar correndo (nun xardín se se dispón del, nunha cinta de correr, dentro da casa, etcétera) ou nunha bicicleta estática.

Animamos a que quen se sume a esta iniciativa a que elabore un dorsal que poña Quilómetros Solidarios. Facédenos chegar fotografías e vídeos de como realizades a vosa actividade física, para que nós as compartamos nas nosas redes sociais ao longo desa xornada. Tamén é interesante que o subades ás vosas redes sociais citando ao noso club, para que así a proba se faga máis viral (retade, por exemplo, a tres amigos/as). Durante todo o domingo 5 usaremos o cancelo #kmssolidarios. Fai uso del! Lembra as nosas redes sociais: facebook: @atletismoriadefoz // instagram: @atletismo_ria_de_foz