O Concello de Foz amplía o horario de apertura das oficinas de turismo do Cenima e da Basílica de San Martiño durante a Semana Santa.

As dúas oficinas de turismo do Concello de Foz, situadas no Cenima e na basílica de San Martiño, teñen horario especial durante esta Semana Santa. O alcalde, Javier Jorge Castiñeira, salienta a grande afluencia de visitantes que hai estes días e a boa acollida que están a ter as novas instalacións de A Mariña Virtual. 

O rexedor anunciou que “as dúas oficinas de turismo do Concello de Foz, concretamente a que temos no Cenima, actualmente tamén sede de A Mariña Virtual, e a que hai na basílica de San Martiño, están abertas esta semana practicamente todos os días. A oficina de turismo do Cenima abre de luns a sábado en horario de 11 a 14 horas e de 16 a 20 horas. Na oficina de turismo da basílica de San Martiño o seu horario amplíase de martes a sábado de 10:30 a 14 horas e de 16 a 20 horas; e os domingos tamén abre pola mañá de 10:30 a 13 horas, pois despois xa hai celebracións na basílica”.

Javier Castiñeira manifesta que “estamos moi contentos do comezo desta Semana Santa, a pesares de que o tempo que se veu dando non foi o mellor, pero é certo que estes días houbo moitísima xente. Hai que destacar a afluencia na oficina virtual de turismo, na Mariña Virtual, porque se notou que a xente quere coñecer un pouco toda esta nova montaxe que temos no Cenima. Especialmente ven xente con nenos e rapaces, que se desenvolven fenomenalmente ben coas tablets, cos móbiles e coas pantallas táctiles”.

O alcalde di que A Mariña Virtual “é unha experiencia que está deixando moi bo sabor de boca e nestes primeiros días despois do arranque todo son parabéns. A oficina de turismo de San Martiño e a Basílica tamén ten cantidade de visitas programadas de grupos grandes e excursións. Durante estes días estamos celebrando a Semana Santa en San Martiño, na que se compatibilizan tanto os actos litúrxicos como a Semana da Música e as visitas turísticas”.

Javier Castiñeira espera que “a xente que nos visite veña o máis informada posible e ao final leve unha boa sensación do noso concello”.