O Concello de Foz leva a cabo a campaña "Foz conciencia, non somos invisibles", coa que difundirá o labor das científicas ao longo da historia.

A Delegación de Muller do Concello de Foz levará a cabo unha campaña titulada Foz conciencia, non somos invisibles, con motivo da celebración do Día da Muller. A concelleira Mercedes González Alonso explica que “se trata de visibilizar o traballo da muller na ciencia”. A campaña consistirá no desenrolo de obradoiros con alumnos e alumnas dos centros educativos do municipio que terán lugar na Casa da Xuventude mañá, martes, e o mércores. 

A concelleira sinala que “con motivo do 8 de marzo, Día da Muller, dende a Concellería da Muller do Concello de Foz levamos adiante a campaña Foz conciencia, non somos invisibles. É un xogo de palabras co que queremos poñer de manifesto o papel das mulleres na ciencia, dar a coñecer as novas verdades científicas da historia, o seu traballo e o que tiveron que loitar para poder dar a coñecer a súa presenza nun mundo maioritariamente de homes. Queríamos facer unha campaña en clave positiva. Consta de dúas partes, unha delas vai dirixida á educación na que alumnos de 4º de Primaria dos catro centros educativos do concello van poder facer experimentos e ao mesmo tempo coñecer a científicas como Marie Curie ou Agnes Pockels. Farán unha serie de investigacións e experimentos con probetas e moito material; será o martes 6 e o mércores 7”.

Mercedes González engadiu que “a outra parte consiste en achegar aos focenses a estas e outras científicas. Para iso contamos coa colaboración da ACIA de Foz e de Radio Foz. Os asociados disporán no seu establecemento dunhas láminas creadas polo Concello, a imaxe dunha científica e un código QR para poder acceder a toda a información sobre a mesma. Por outra banda, Radio Foz ao longo de toda a semana poñerá voz á historia desas científicas. Seleccionamos 21 que contribuíron ao progreso da nosa sociedade, pero quedan moitas aínda no tinteiro. Todos sabemos que detrás de todos os seus logros profesionais hai unha historia de superación e de loita”.

A concelleira da Muller en Foz espera que “esta campaña sexa do agrado de todo o mundo”.