O Concello de Foz quere dedicar a cea de coroación do Entroido, que será o 27 de xaneiro, a un tema monográfico.

O Concello de Foz quere dedicar a un tema monográfico a cea de coroación da raíña ou rei do Entroido, que se celebrará o 27 de xaneiro, sábado, na Sala Bahía.

Dende a Concellaría de Cultura anunciaron: “imos facer para o Entroido de 2018 unha proposta de cea baile de coroación monotemática. Así pregamos que votedes nas redes sociais do Concello de Foz (facebook, twitter, web, instagram e na aplicación Looking Foz). Das seguintes opcións podedes sinalar as 2 que máis vos gusten. O prazo de votación será dende o xoves 9 ata o domingo 12 deste mes de novembro ás 24.00 horas. As propostas son Salvaxe Oeste (o Oeste, na Norteamérica entorno ao ano 1800, é unha das épocas máis tolas e cruentas con personaxes históricos do máis pintorescos: indios, cowboys, sheriffs, pistoleiros, barmans, xogadores e chicas de salón, foraxidos, ….); Piratas Corsarios (os viláns máis temidos dos sete mares: filibusteiros, corsarios, bucaneiros, Jack Sparrow ou Barba negra, …); Circo (variado surtido de personaxes de artistas circenses, terribles bestas, pallasos, pitonisas, arlequíns, acróbatas, …); e Renacemento (nos séculos XV e XVI o Renacemento marca o comezo da Idade Moderna. O período comeza co descubrimento de América e remata coa Revolución francesa”.

Pero dende a Delegación Municipal de Cultura aclaran que na cea de coroación da raíña ou rei do Entroido focense “por suposto cada un poderá ir vestido como queira e se non quere adaptarse ao tema e ir doutra cousa pode facelo perfectamente”.