O Concello de Foz recupera o baile dos domingos na Sala Bahía. O primeiro será o 10 de abril.

O Concello de Foz recupera este domingo os bailes na Sala Bahía. Anunciárono hoxe o alcalde, Fran Cajoto, e a concelleira de Asuntos Sociais, Ana Rojo.

O rexedor municipal explica que “a situación actual permíteo e hai moitas gañas de volver xuntarnos, de recuperar a vida social, da que tamén depende a nosa saúde mental. Era unha demanda unánime e no xantar dos maiores do pasado 26 de marzo adquirimos o compromiso de recuperar o baile dos domingos á maior brevidade. Cumprimos ese compromiso”.

A concelleira de Asuntos Sociais indica que “despois destes dous anos duros de pandemia xa tocaba retomar o baile dos domingos na Sala Bahía, unha celebración habilitada especialmente para as persoas maiores do noso concello. Emprazámosvos a todas e todos este domingo a desfrutar -iso si, con máscara- das cumbias e pasodobres que bailades como ninguén”.

O Concello de Foz anuncia o cartel dos bailes programados para o mes de abril, que comezan xa este domingo 10 co grupo D’Cano, en horario de 18 a 21 horas. “Para o primeiro baile quixemos traer unha actuación un pouquiño máis grande”, indica Fran Cajoto. O domingo 17 actuará o dúo Sabrosura e o 24 o dúo Vivarium. Establécese unha entrada de 5 euros que se mercará na mesma porta de acceso. 

O Concello segue a traballar noutras actuacións para desfrute dos maiores, como a recuperación do Bar dos Xubilados, que se pechara no anterior mandato. O Concello anuncia que nun breve prazo se retomarán as obras, paradas temporalmente pola necesidade da modificación de todo o cableado interior para a conexión independente do local.