O Concello de Viveiro organiza unha dobre cita para achegarse á figura de Maruja Mallo os días 28 e 29 de abril.

O pintor, Antón Patiño, e a científica no Instituto de Historia do CSIC, Carmen Gaitán, ofrecerán dúas conferencias sobre a artista.

O Concello de Viveiro celebra esta semana dúas novas citas do ciclo de conferencias “Maruja Mallo. Viveiro e a vangarda do século XX”. 

Este xoves, 28 de abril, intervirá o pintor Antón Patiño, co relatorio “Maruja Mallo. Arte da vida”. O venres, 29 de abril participará Carmen Gaitán Salinas, científica no Instituto de Historia do CSIC, co relatorio “Explorando o cono sur: Maruja Mallo e o seu exilio transatlántico”. Ambas citas serán no Teatro Pastor Díaz de Viveiro ás 20:30, con entrada gratuíta ata completar aforo. 

“Alén dos eventos desta semana, aínda resta unha conferencia o 6 de maio e o acto de peche o día 20, no que contaremos coa presenza da exvicepresidenta e exministra de Igualdade Carmen Calvo, a quen lle agradezo o seu interese”, sinala María Loureiro, alcaldesa de Viveiro. 

Este evento dá continuidade ás dúas primeiras citas sobre Maruja Mallo no marco desta iniciativa, que contaron cos relatorios de José Luis Ferris e Carlos Nuevo Cal, así como co documental de Antón Reixa sobre esta artista. 

Antón Patiño, quen estará en Viveiro este xoves, é pintor con exposicións en distintas cidades de todo o mundo así como autor de varios libros de aforismos, ensaios e poesías. Na súa obra inclúense textos sobre diferentes autores e artistas. 

Alén da súa actividade como docente e investigadora, Carmen Gaitán é editora da revista Enclaves, ademais de autora de artigos, organizadora e congresos así como doutros eventos internacionais de carácter científico. Gaitán, quen ofrecerá a conferencia deste venres, é autora do libro: “Las artistas del exilio republicano español. El refugio latinoamericano”. 

“Dende o Concello de Viveiro celebramos a boa acollida desta iniciativa na vila, unha proposta moi enriquecedora que nos permite achegarnos a Maruja Mallo como muller e sobre todo como artista. Esperamos que a cidadanía continúe comprometida nestas citas”, sinala a concelleira de Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega. 
O venres 6 de maio, ás 20:30, o ciclo contará coa intervención da historiadora da arte do Museo Reina Sofía, Patricia Molins, baixo o título “Maruja Mallo, a invención inconográfica e a arte popular”.

A última conferencia que pechará o ciclo “Maruja Mallo. Viveiro e a vangarda do século XX”, será o próximo 20 de maio de 2022 e contará coa presenza da ex vicepresidenta primeira do Goberno e exministra Carmen Calvo.