Os actos do Día da Gaita-Xira a Santa Cruz, en Ribadeo, desenvolveranse os días 5 e 6 de agosto.

A asociación Amigos da Gaita Galega, en colaboración co Concello de  Ribadeo, organizan o Día da Gaita-Xira de Santa Cruz. Os actos terá lugar o sábado 5 e o domingo 6 de agosto.

Esta festa, declarada de Interese Turístico de Galicia, comezará o sábado ás 19:30 horas cun pasarrúas a cargo de Amigos da Gaita. Ás 20:00 horas, no Cine Teatro, terá lugar o pregón que correrá a cargo de Pablo Rodríguez “Vivín”, e deseguido actuarán as Escolas. Ás 23:00 horas celebrarase un concerto no parque de San Francisco que ofrecerá Tanxugueiras Quinteto.

O programa continuará o domingo, día 6, cun pasarrúas, a partires das 11:00 horas, a cargo de Quenindiole, Proxecto Xarope e Axóuxere de Roupar. Ás 12:00 horas terá lugar unha actuación das Escolas de Amigos da Gaita no Cantón dos Moreno, e a continuación a subida a Santa Cruz onde se celebrará un xantar tradicional amenizado con música e baile. Ás 18:00 horas será a ofrenda floral no monumento ao Gaiteiro, e ás 19:00 horas rematará a Xira cun concerto de Pelepau.

Colaboran, entre outros, na celebración desta festa a Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo e  Abanca.