A XXIV Carreira Popular Concello de Viveiro celébrase o 30 de decembro

O sábado 30 de decembro celebrarase a XXIV Carreira Popular Concello de Viveiro. Está organizada polo Club Deportivo Egovarros e conta coa colaboración do Concello de Viveiro, así como da Deputación de Lugo e do Club Ciclista Viveiro. 

A saída será na Praza Maior de Viveiro a partir das 16:00 horas para as categorías de menores, subdividida en A, de 0 a 7 anos; B, de 8 a 10; e C, de 11 a 13, cuxos participantes recibirán todos unha medalla. A saída da proba absoluta será ás 17:00 horas, con premios para os tres primeiros homes e as tres primeiras mulleres. Tras a proba, haberá sorteo de agasallos. 

As inscricións son gratuítas para a categoría de menores, mentres que para a absoluta a cota é de 5 euros, a pagar polo sistema bizum ao teléfono 650.930.940. Tramitaranse realizando o pago e indicando os datos das persoas participantes ao e-mail a egovarros@gmail.com ata o día 28 de decembro.

“Dende o Concello de Viveiro apoiamos a celebración desta proba, unha forma deportiva de pechar o ano e que fomenta a participación de todas as idades”, sinala o concelleiro de Deportes, Eleazar Rodríguez, quen anima ás persoas participantes a vestir prendas de Nadal na proba.