A Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade e o Centro de Información ás Mulleres, organizan para este mércores, 19 de novembro, un curso sobre Persoal Branding e Marca Persoal dirixido a mulleres. A actividade levarase a cabo en horario de 10 a 13 horas pola mañá e de 16 a 19 horas pola tarde, e será impartida na Aula de Familia da Casa da Cultura burelesa. As interesadas poden anotarse no CIM, presentando o seu DNI e cumprimentando a solicitude de inscrición pertinente. O curso conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Igualdade dependente de Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e tamén co apoio da Unión Europea, a través do Fondo Social Europeo.
A concelleira de Igualdade, Diana Durán, explicou que “esta actividade de formación dirixida ás mulleres está enmarcada dentro das actividades organizadas para conmemorar o 25 de novembro, xornada na que se celebra o día internacional contra a violencia de xénero. O curso está pensado para facer visibles, aos ollos da propia muller, os valores que cada unha temos, facendo deste xeito da autoestima unha arma importantísima para afrontar as dificultades do día a día. Sempre debemos lembrar que se nos queremos e nos valoramos nosoutras mesmas positivamente, tamén a xente que nos rodea nos valorará”.