Este sábado, 14 de xuño, celébrase a Feira do Trece en Carballido (Alfoz)

Este sábado, día 14 de xuño, celebrarase a Feira do Trece, no lugar do mesmo nome que está na parroquia de Carballido, no concello de Alfoz. Este evento está organizado pola Asociación de Veciños San Sebastián de Carballido.

As actividades comezarán ás 10:00 horas coa apertura da feira, na que a organización espera contar “cun número considerable de animais. Serán premiados os 2 gandeiros que máis número de cabezas aporten á feira, ademais das 2 mellores vacas, os 2 mellores cabalos ou bestas de montura e tamén de tiro.Todos os gandeiros que desexen curro poderán contactar no teléfono 636.01.06.19”. Ademais haberá un mercado con “postos con todo tipo de produtos, incluído o estrela desta feira antigamente, as cereixas”.

Ademais disputarase unha proba de andadura do Campionato Galego da Federación Hípica Galega: “algún dos mellores cabalos de andadura do noso país participarán nesta proba, que terá lugar pola mañá entre as 11 e as 13:30 e pola tarde a partir das 16:00 horas”, anuncia a organización.

Tamén está programada unha exhibición canina a cargo de Paco Lobo, “un ex campión de España e Europa que chegará a Carballido dende Andalucía”. Ofrecerá ademais un taller infantil, no que “os máis novos terán a oportunidade de aprender a lanzar o frisbee cun campión desta modalidade”.

Outra actividade será a cargo do artista Yosi, que estará durante todo o día demostrando as súas habilidades na talla de madeira con motoserra.

En canto á música, actuará a A.F. O Arco da Vella “para deleitarnos a todos coa súa música e baile tradicional dentro do programa Tradigalu 2025”. O Dúo Belinda amenizará a sesión vermú e a verbena. Tamén haberá un tardeo da man da discoteca móvil Conxuro, que ademais fará o fin de festa ata ben entrada a madrugada. Durante a sesión vermú sortearanse agasallos entre os asistentes.

A organización tamén anuncia: “poderase xantar ou cear na nosa carpa o xa menú típico, composto de callos ou empanada, churrasco, chourizo, pan, viño ou auga e café. Haberá tickets á venta na propia feira no posto da asociación, non é necesario reserva previa. Este ano habilitamos tres aparcadoiros, un amplísimo pensado para o público en xeral na ubicación habitual, un aparcadoiro para os participantes da proba de andadura situado nas proximidades da saída da carreira, e un aparcadoiro para gandeiros, a carón da feira de gando”.