Promocionarán a carne de poldro na rapa das bestas de Candaoso, en Boimente (Viveiro), que se celebra o 6 de xullo

A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo promocionará a carne de poldro de Pura Raza Galega na rapa das bestas de Candaoso, en Boimente (Viveiro), que se celebrará o 6 de xullo, domingo, con diversas actividades.

A través do programa de promoción de produtos de razas autóctonas Un gusto de rural, un rural degusto, a área dirixida polo deputado Daniel García ofrecerá durante esa xornada unha degustación gratuíta de hamburguesas de poldro, “poñendo en valor a cría de cabalos en liberdade nos montes de Buio e Lerín como actividade produtiva e provedora de alimentos de calidade”, explica a Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Na presentación desta colaboración, o deputado Daniel García destacou  “que a rapa de Boimente é un expoñente da importancia que o cabalo ten na configuración da cultura, da paisaxe e da actividade gandeira na Mariña” e explicou que “o obxectivo destas actividades de degustación é contribuír á continuidade desa gandería en extensivo e comprometida coa conservación das razas autóctonas buscando saídas comerciais para os seus produtos”.

A Vicepresidencia da Deputación explica tamén que “a rapa de Candaoso, de Interese Turístico, chega este ano ás cincuenta e catro edicións, dando continuidade a unha tradición que  se vive arredor do curro, onde as aloitadoras e aloitadores cortan as crins e identifican os cabalos baixados do monte”.

As actividades dese día comezarán ás 10:00 horas coa baixada do gando e o peche do curro. Haberá feira de gando cabalar e sesión vermú con Puzzle Animación. Desde as 16:00 horas disputaranse carreiras e outras competicións con cabalos.

Na véspera, o sábado 5 de xullo, haberá sesión vermú co dúo Belinda, que tamén actuará pola tarde xunto a Discomóvil Conxuro.