
O concello de Cervo será escenario este verán de tres campus deportivos organizados pola Federación Galega de Natación (FEGAN), en colaboración co propio Concello. As actividades desenvolveranse na piscina municipal e estarán dirixidas a nenos e nenas federados interesados en mellorar as súas habilidades nas disciplinas de natación, natación artística e waterpolo. O calendario dos campus será o seguinte: de waterpolo, do 30 de xuño ao 5 de xullo; de natación, do 7 ao 12 de xullo; e de natación artística, do 14 ao 19 de xullo.
O campus de natación artística está destinado a rapaces e rapazas nados nos anos 2010, 2011, 2012 e 2013, mentres que os campus de natación e waterpolo están dirixidos aos nados entre 2011 e 2014.
Durante a presentación dos campus, na que estiveron presentes a rexedora municipal de Cervo, Dolores García Caramés, o edil de Deportes, David Rodríguez, e o presidente da FEGAN, Juan Carlos Brión, a alcaldesa destacou que “para Cervo é unha honra colaborar coa Federación Galega de Natación na organización destes campus que achegan deporte, formación e convivencia aos máis pequenos. Así a piscina municipal converterase nun punto de encontro para mozos e mozas de toda Galicia que comparten paixón polas disciplinas acuáticas, todo un orgullo para nós. Desde o Concello traballamos todo o ano para fomentar o deporte de base e para poñer en valor as nosas instalacións deportivas, que cada vez acollen máis eventos de nivel autonómico. Este tipo de iniciativas contribúen ademais á dinamización social e económica do noso municipio durante os meses de verán”.
As persoas interesadas poden obter máis información e realizar a súa inscrición a través da páxina web da FEGAN: www.fegan.org.