
O concello de Cervo será o escenario da Iniciativa Xove Techno Con-Ciencia, “unha proposta pioneira de expresión xuvenil e creatividade electrónica” impulsada polo grupo Fonte da Tella (da man de Inoa Pardo, Simón Villarquide, Paula Rodríguez Ares, Borja Lorenzo, Xoel Carreiras Paula Rodríguez Franco , Noé Fernández e Roberto Balseiro) en colaboración co Concello de Cervo, que se desenvolverá os días 22 e 23 de xullo en Sargadelos. O proxecto está financiado pola Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia a través do programa Iniciativa Xove, anuncia o Concello de Cervo, que engade: “a iniciativa nace co obxectivo de poñer en valor a música electrónica como ferramenta de aprendizaxe, cohesión social e innovación cultural, promovendo a participación activa da mocidade na vida cultural do territorio”.
O martes 22 de xullo desenvolverase un obradoiro de elaboración de pasta artesanal a cargo de A Morena, unha visita guiada ao obradoiro do ferreiro Telmo Cao e a inauguración da exposición fotográfica de María Simón, enmarcada no proxecto paralelo Iniciativa Xove Fotografía Musical7. As actividades estarán amenizadas polo colectivo Conxuro Móbil e concluirán cunha degustación de produtos elaborados por A Morena.
E a segunda xornada, mércores 23, terá un marcado carácter gastronómico e musical. Está prevista unha degustación de marmeladas A Morena e unha ruta de tapas no espazo A Sacabeira. Ademais celebraranse varias charlas e mesas de diálogo arredor da música electrónica, con intervencións de artistas como Pablo Conxuro, Lucasito, Somiux e Irene Castro. A programación completarase con sesións DJ a cargo de Conxuro Móbil e Kike Varela e con demostracións en vivo na madrugada por parte de Somiux, Irene Castro e Lucasito.
Os horarios detallados de todas as actividades publicaranse o luns 21 de xullo a través das canles oficiais do Concello de Cervo e das redes sociais do proxecto.