
Celeiro, no concello de Viveiro, celebra as Festas Patronais e do Mar do 24 ao 27 de xullo, organizadas pola asociación Xuventudes Chilindrinas.
As actividades comezarán este xoves, día 24 de xullo, ás 20:00 horas coa Festa da Empanada, que estará amenizada polo cantante Joni Ramos. Desde as 22:00 horas haberá verbena co Grupo Beatriz e Alejandro Martínez.
O venres 25, día de Santiago Apóstolo, ás 11:30 horas farase o chupinazo e ás 12:00 horas celebrarase misa na honra a Santiago cantada pola Coral Polifónica Alborada, de Viveiro. Despois terá lugar a procesión coa música da Banda Naval e ás 14:00 horas haberá sesión vermú co grupo Eureka. Ás 18:00 horas disputarase un partido de solteiros contra casados na praia de Celeiro. E ás 22:30 horas empezará a verbena a cargo do grupo Eureka, a orquestra Gran Parada e Discomovil Power.
O sábado 26, día de Santa Ana, ás 12:00 horas haberá procesión ata a igrexa acompañada pola Banda Naval e a continuación misa cantada polo Coro de Covas. Despois volverán en procesión ata a capela con Santa ana escoltada de novo pola Banda Naval. Desde as 13:00 horas Bágoas da Terra, de Viveiro, ofrecerá un pasacalles e ás 14:00 horas comezará a sesión vermú coa orquestra Pontevedra. Ás 21:00h celebrarase misa na igrexa polos náufragos, cantada por Escolma de Meus, e a continuación procesión de baixada ata o porto acompañada pola Banda Naval e Banda da Misericordia, seguida de sesión de fogos artificiais. ÁS 22:30 horas empezará a verbena a cargo do grupo Talismán, a orquestra Pontevedra e Discomóvil Conxuro.
E o domingo 27, día dedicado á Virxe do Carme, ás 10:00 horas terá lugar unha recepción das autoridades na Confraría de Pescadores e ás 10:30 horas comezará a procesión marítima, con ofrenda aos náufragos e bendición das embarcacións. A continuación farase a subida da Virxe do Carme ata a igrexa acompañada pola Banda Naval. Despois celebrarase a misa cantada por Sons de Celeiro, seguida de pasacalles a cargo da charanga Os Celtas e ás 14:00 horas empezará a sesión vermú prolongada amenizada polo grupo Fénix. E desde as 17:00 horas haberá a actividade infantil Diverneno, con xogos acuáticos na praia, táboa de surf, futbolín, pista de obstáculos, casa de bolas, etcétera; e rematará con Festa da Espuma na Praza do Náufrago.