A XIII Festa Normanda de Foz celebrarase do 28 ao 31 de agosto

Este xoves, día 31 de xullo, tivo lugar a presentación da XIII edición da Festa Normanda de Foz, que se celebrará os días 28, 29, 30 e 31 de agosto.  A esta presentación acudiron representantes do Concello de Foz, da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia.

A organización da festa anuncia: “contamos este ano co coñecido muralista Diego As, que é o artífice do deseño do cartel, un cartel sorprendente e cunha forte carga emocional. Tamén adiantamos moitas novidades nesta edición, como a representación no Bispo Santo, que se fará de forma profesional, guionizada e dirixida pola xa coñecida Marta Pérez, coñecida pola súa obra Agnódice, representación que leva a cabo na romaría Viquinga de Catoira. E desde esta presentación convidamos a todos e todas a que nos acompañen e gocen un ano máis con todos nós de representacións teatrais, recreación, talleres, xogos, mercado, unha ampla oferta gastronómica e por suposto moita diversión e ledicia”.

A Xunta de Galicia anuncia que colabora coa Festa Normanda de Foz, que se celebrará entre os días 28 e 31 de agosto e que presentou o seu cartel, obra do artista lucense Diego As. No acto participou o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, que gabou o “interese turístico e cultural desta festa de ambientación histórica que lembra o desembarco vikingo nas costas focenses, escena que se recreará durante a xornada principal do sábado a partir das 13,30 horas”.

A Xunta destaca que “o profesor e escritor Pepe Peinó pronunciará o xoves o pregón inaugural. Durante os catro días o porto de Foz acollerá un mercado medieval, xogos tradicionais e infantís, ludoteca, batucadas ou malabares, entre outras propostas, como así como postos con oferta  gastronómica”.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora coa organización da XIII Festa Normada de Foz, que se celebrará a última fin de semana de agosto.

O deputado Daniel García participou na presentación do cartel, obra de Diego As. A imaxe do grafiteiro e muralista lucense, que representa unha labrega, promocionará esta festa de recreación histórica “na que se escenifica a resistencia da poboación local, encabezada polo bispo Gonzalo, ás invasións normandas”.

Daniel García valorou a Festa Normada como “unha celebración do patrimonio inmaterial xa que recrea a lenda do bispo Gonzalo, un relato entre a historia e a imaxinación que se transmitiu de xeración en xeración e que é parte do imaxinario colectivo. Na sociedade contemporánea a transmisión dese patrimonio ten que darse a través de novos códigos, pero é importante que a cadea se manteña porque son relatos que conforman a nosa identidade". Nese senso destacou “a iniciativa de contar cun artista tan recoñecido como Diego As para a creación do cartel” e puxo en relevo “o traballo da Asociación Desembarco Normando e das persoas que traballan na organización deste evento para que a finais de agosto todas e todos poidamos disfrutar dela”.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo achega 6.000 euros á organización da Festa Normanda.