
Viveiro acollerá desde este martes, 12 de agosto, unha nova edición da Feira do Libro. Terá lugar nos Xardíns de Noriega Varela ata o venres 15, en horario de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 horas. A iniciativa forma parte do circuíto das Feiras do Libro de Galicia e conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a Federación de Librarías de Galicia, a Deputación de Lugo e o Concello de Viveiro.
O Concello de Viveiro anuncia que “a cita reunirá librarías, editoriais e autores que ofrecerán ao público unha ampla variedade de títulos, ademais dun desconto do 10% na compra dos libros. O lema desta edición é Onde florecen os libros e ao longo dos catro días nos que se desenvolverá, organizaranse sinaturas, presentacións e actividades culturais".
A alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, destacou a importancia desta cita para a dinamización cultural e social do Concello: “a Feira do Libro é un punto de encontro entre lectores, autores e profesionais do sector, e unha oportunidade para gozar da literatura ao aire libre nun entorno privilexiado como son os Xardíns de Noriega Varela”.
A programación completa da Feira do Libro, cos horarios e actividades de cada xornada, pode consultarse na web librarias.org.