O 50 aniversario do Festival do Emigrante da parroquia focense de Vilaronte será os días 15 e 16 de agosto

Os días 15 e 16 de agosto Vilaronte vestirase de festa para conmemorar o 50 aniversario do Festival do Emigrante, unha cita que combina tradición e cultura.

O venres, 15 de agosto, a partir das 20:30 horas abrirase a programación co pregón de Xosé Ramón Veiga Alonso (Monchín de Flora). E ás 21:00 horas o Grupo de Teatro Pico de Castro representará a obra “Trato a cegas”.

O sábado, 16 de agosto, arrancará ás 9:00 horas cunha ruta de sendeirismo. Ás 13:00 horas celebrarase a misa e ofrenda floral na igrexa parroquial e ás 14:00 horas o vermú correrá a cargo do grupo de gaitas A Subela na Asociación O Castro. Xa pola tarde, ás 19:00 horas haberá xogos tradicionais dirixidos por Beatriz Salvador. Ás 20:30 horas será a cea popular que inclúe bolo preñado, torresmos, ás de polo fritas, pan, bebida e sobremesa. Ademais estará amenizada polos gaiteiros Os Lambóns. O broche final porao a verbena con DJ Francis a partir das 22:00 horas.

O prezo da cea será de 12 euros para os socios e 15 euros para aqueles que non estean asociados. Para reservar deberase contactar con Rosa (627474675) ou Licer (603551888).

O Festival do Emigrante está organizado pola Asociación Cultural e Deportiva O Castro e a animadora de xogos tradicionais Beatriz Salvador coa colaboración do Concello de Foz e a Deputación de Lugo. 

Con esta programación tan variada Vilaronte celebra medio século de festa por todo o alto.