A XII edición da Malla do Trigo terá lugar nas Anzas (Ribadeo) este sábado, 30 de agosto

Este sábado, 30 de agosto, celébrase en As Anzas (Ribadeo) a XII edición da Malla do Trigo, unha cita que combina tradición, gastronomía e música popular, recuperando un dos labores máis emblemáticos da cultura agraria galega.

A xornada arrincará ás 10:00 horas co asentamento da maquinaria e dos primeiros mollos. Ás 11:00 horas dará comezo a malla, que estará amenizada polo Cuarteto Tradicional Illa Pancha e o Grupo Lume.

Ás 12:30 horas terá lugar o reparto de pan, sardiñas e viño. Ao finalizar a malla, celebrarase unha sesión vermú a cargo do Grupo Lume, seguida da tradicional comida popular.

O menú incluirá paella mixta, costela de porco asada, tarta milfollas, bebidas, pan, café e licores. O prezo será de 25 euros, excepto para os menores de 12 anos que non terán que pagar. 

A partir das 17:00 horas haberá xogos tradicionais, organizados polo grupo Xostramu, así como inchables para os máis pequenos. O día pecharase cun baile popular amenizado polo Grupo Lume.

Unha xornada completa que une tradición, gastronomía e festa, aberta a todas as idades e pensada para gozar en comunidade.