Cervo celebra as festas da Virxe das Dores os días 27 e 28 de setembro

O Concello de Cervo, en colaboración coa Asociación Virxe dos Dolores, organiza unha nova edición das tradicionais festas na honra á Virxe das Dores, que se celebrarán durante esta fin de semana, os sábado 27 e domingo 28 de setembro, na parroquia de Cervo.

O programa foi presentado esta semana pola alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, acompañada polo concelleiro de Medio Rural, Adrián Arias, e por Federico, membro da Asociación Virxe dos Dolores, entidade organizadora do evento. Durante a presentación, destacaron a importancia de conservar e apoiar as festas tradicionais do municipio, que “forman parte do patrimonio cultural e social da veciñanza”. A alcaldesa subliñou que se trata dunha cita “moi especial para moitas familias da parroquia, un punto de encontro no que se combina a devoción coa música e o ambiente festivo”.

As actividades comezarán o sábado ás 14:00 horas con sesión vermú a cargo do grupo Louband Street Band e desde as 22:30 horas haberá verbena coas actuacións do dúo Stylo e Discomóvil Conxuro.

E o domingo, pasarrúas a cargo do grupo tradicional Fol do Raxal. Ás 13:00 horas celebrarase misa solemne cantada polo Coro de Cervo, seguida da tradicional procesión polas rúas da parroquia, acompañada tamén por Fol do Raxal. Ao remate celebrarase unha sesión vermú prolongada con Discomóvil Conxuro.

Desde o Concello de Cervo e desde a Asociación Virxe dos Dolores animan a toda a veciñanza e visitantes a participar destas festas, que “manteñen viva a esencia das celebracións populares do municipio”.