A sétima edición das Panchas, a moeda local de Ribadeo, terá lugar do 1 de novembro ao 31 de decembro

A sétima edición das Panchas, a moeda local de Ribadeo, terá lugar do 1 de novembro ao 31 de decembro. Os negocios locais poden adherirse entre o 15 e o 24 de outubro. 

O alcalde, Dani Vega, explicou que “a moeda local, a Pancha, xa está aquí, e neste caso comeza o tempo de inscribirse do 15 ao 24 de outubro, todos os negocios locais que o desexen poderán solicitala. A partires de aí  o 1 de novembro comeza a campaña para que todo o mundo veña comprar e consumir a Ribadeo, a esta capital comercial entre Asturias e Galicia,  a este punto de encontro onde o comercio é evidentemente un sector moi importante para a economía local”.

O rexedor subliñou que “a Pancha é un valor que lle damos a todo o espazo comercial,  que haxa un incentivo comercial, xa que por cada 30 euros pódense obter 40 panchas, e iso é un impulso, sen lugar a dúbidas,  para todos os negocios locais. Volve a Pancha, volve a moeda local, en colaboración con Acisa, este traballo conxunto que dá moi bo resultado,  e evidentemente cada día abren máis negocios en Ribadeo e iso significa que hai un sector moi importante, un impulso económico e unha iniciativa económica que está dando grandes resultados para o Ribadeo”. 

Vega indicou que “a Pancha é un incentivo máis, neste caso, segue a suma. Coa pancha, evidentemente, multiplícanse as compras en Ribadeo. Destacar que hai unha inversión de 85.000 euros e aquí damos as grazas, evidentemente, outra vez á Xunta de Galicia por axudarnos. Hai unha parte que é orzamento municipal, que son fondos propios, e tamén ese impulso que nos dá a Dirección Xeral do Comercio nisto e noutras iniciativas que vamos ir presentando durante estes meses, pero na Pancha é fundamental a inversión da Xunta tamén”.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, tivo palabras de agradecemento para o Concello: “moitas grazas ao Concello de Ribadeo por contar unha vez máis con Acisa para esta importante campaña da Pancha, que se vai a desenvolver entre o día 1 de novembro e o día 31 de decembro. É unha das campañas máis agardadas de todo ano tanto polo sector comercial e hostaleiro tan importantes que ten esta vila como tamén polas persoas que veñan facer as súas compras e consumir aquí”.

Cruzado Iglesias animou a participar na nova campaña da Pancha: “animamos por unha parte a todos os locais comerciais e hostaleiros de Ribadeo a adherirse entre o 15 e o 24 deste mes a esta campaña e que despois todo o mundo saiba que pode empregar esas panchas entre 1 de novembro e o 31 de decembro. Serán moi benvidas para facer moitas compras como, por exemplo,  para telas en conta de cara a campaña de Nadal. O dito, animar a  todo o mundo a inscribirse e a toda a clientela a aproveitalas para facer esas compras, xa que toda axuda sempre ven moi ben, sobre todo neste último tramo final do ano e nunha etapa que é de moito consumo tanto en Ribadeo como no resto da contorna”.

As características da campaña mantéñense ao igual que as edicións anteriores: por cada 30 euros obteranse 40 panchas para consumir nos establecementos adheridos. Cada persoa poderá adquirir un máximo de 400 Panchas e poderanse gastar por compra un máximo de 150, a partires desa cantidade a diferenza deberá aboarse en euros. 

Na presentación da campaña, que tivo lugar na rúa Reinante, participaron o alcalde, Dani Vega, a presidenta e o xerente de Acisa Ribadeo, Carmen Cruzado e Jesús Pérez.