
O Concello de Cervo, en colaboración coa Asociación Amigos da Troula, vén de anunciar o cartel oficial da sétima edición do Callo Fest, que se celebrará o venres 26 de decembro na Praza dos Campos de San Ciprián. Esta nova edición “está pensada como unha auténtica festa de pre-fin de ano, para gozar con amigos e en familia nun ambiente festivo, próximo e aberto a todas as idades. Tal e como apuntan desde a organización, o line-up deste ano reúne catro propostas moi potentes e variadas, capaces de satisfacer a un público diverso”, que son Aphonnic, Black Back Band, Not Yet e Until Cawn.
Aphonnic, banda viguesa de metal alternativo con máis de dúas décadas de traxectoria, “é unha das formacións máis recoñecidas do xénero en Galicia”. Este 2025 foron unha das bandas encargadas de tocar no Main Stage, do Resurrection Fest, e contan con galardóns como o Premio Martín Códax da Música Galega 2017 na categoría de metal.
Black Back Band traerá á Praza dos Campos “o mellor tributo a AC/DC, cun espectáculo enérxico e cheo de rock clásico que fará vibrar ao público de todas as idades”.
Not Yet, “banda mariñá emerxente de post-hardcore, presentará o seu primeiro traballo de estudo, Two Steps to Rest. A súa presenza en festivais como o Resurrection Fest ou o Tsunami, de Xixón, confirma o seu gran momento e a súa aposta por un son actual e contundente”.
Until Dawn, formación de recente creación integrada por músicos con experiencia en proxectos como Sunday Morning Club e Lazy Bones, “mestura o metal coa complexidade do rock progresivo, ofrecendo unha proposta chea de forza e personalidade”.
A noite pecharase coa actuación da Disco Móbil Conxuro, que “fará bailar a todos os asistentes”.
O Concello de Cervo tamén anuncia que “ademais da música en directo, o Callo Fest será tamén unha gran festa de fin de ano, coa celebración das badaladas ás doce da noite a modo de ensaio para dar a benvida ao novo ano en boa compañía e o reparto de racións de callos de balde entre as persoas asistentes”.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, destacou que “o Callo Fest consolídase como unha cita indispensable no noso calendario cultural e festivo, un evento que combina música de calidade, convivencia e dinamización social. Queremos invitar a veciños, visitantes e amantes da música a reservar a data, a vir con ilusión e a compartir unha noite diferente, pensada para todas as idades, para amigos, para familias, para todos”.
A sétima edición do Callo Fest “reafirma así o compromiso do Concello de Cervo coa cultura, a música en directo e o impulso da vida cultural e social do municipio”.


