O CIT da Pontenova organiza un percorrido pola ruta do antigo tren mineiro no concello de Ribadeo para este sábado, 22 de novembro

O Centro de Iniciativas Turísticas (CIT) da Pontenova organiza un percorrido pola ruta do antigo tren mineiro no concello de Ribadeo para este sábado, día 22 de novembro.

A actividade comezará ás 9:45 horas coa concentración dos participantes no Cargadeiro (Ribadeo), onde se repartirán as mochilas conmemorativas con auga e un petisco. A organización explica que “cada participante organizará pola súa conta o desprazamento ata o Cargadeiro de Porto Estreito (Ribadeo)”.

Ás 10:00 horas comezará o percorrido interpretativo seguindo o trazado do tren, que rematará ás 14:00 horas. A distancia é de 5,6 quilómetros e trátase dunha ruta con dificultade baixa.

A organización anuncia que “esta actividade está limitada a 25 participantes, por rigorosa orde de inscrición. Para inscribirse deberase chamar ou enviar un whatsapp ao teléfono 697.532.809. Unha vez contactado, se aínda hai prazas libres, recibiranse as instrucións para formalizar a inscrición e facer o ingreso”. O prezo é de 7 euros e inclúe mochila conmemorativa e seguro RC.

O prazo de inscrición está aberto ata o xoves 20 de novembro.