“Un mar de diversidade II” chega ao concello de Barreiros o 3 de decembro

O concello de Barreiros acollerá o día 3 de decembro, mércores, de 10:30 a 13:30 horas o stand Un mar de diversidade II, “unha proposta aberta á comunidade que invita á veciñanza a reflexionar sobre a diversidade e sobre a necesidade de avanzar cara a contornas máis accesibles”.

O stand forma parte do proxecto educativo Un mar de diversidade, impulsado pola Asociación Guillem Veiga Iglesias, que nos últimos dous anos percorreu centros educativos da Mariña Lucense “co obxectivo de fomentar o respecto, a empatía e o valor da diversidade desde idades temperás. Esta iniciativa puido desenvolverse grazas ao apoio do programa FEMPA da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, a través do GALP A Mariña-Ortegal. Nesta nova etapa, o proxecto da un paso máis e abre as súas portas á comunidade, saíndo a rúa e convidando a toda a veciñanza a mergullarse neste mar cheo de experiencias que favorecen a empatía, a reflexión e a defensa dos dereitos das persoas con discapacidade”.

O Concello de Barreiros explica tamén que o stand Un mar de diversidade II ofrecerá “unha serie de pequenas experiencias interactivas, nas que as persoas visitantes poderán achegarse ao concepto de diversidade e experimentar, en primeira persoa, algunhas das dificultades as que se enfrontan as persoas con discapacidade no seu día a día. A través destas dinámicas, preténdese poñer en valor as capacidades de todas as persoas, reflexionar sobre as barreiras que seguen existindo nas contornas e sensibilizar sobre a necesidade de espazos máis inclusivos que garantan a participación de todas as persoas. Esta proposta representa unha pequena mostra do Obradoiro que a Asociación Guillem Veiga Iglesias desenvolve nos colexios da Mariña, onde nenas e nenos se mergullan nun mar simbólico que lles permite descubrir que a riqueza está nas diferenzas”.

Dende o Concello de Barreiros convidan a “somerxerse neste mar que nos ofrece unha travesía pola empatía, o respecto e a inclusión”.