Ribadeo acollerá un curso de deseño de pósteres do 22 ao 31 de decembro

Do 22 ao 31 de decembro de 2025 Ribadeo acollerá un curso presencial de deseño de pósteres organizado pola ESCAC enmarcado nos cursos OFF ESCAC en colaboración coa asociación As Vacas Fracas. Será na aula CeMIT da Casa da Xuventude.

O colectivo As Vacas Fracas explica que “a proposta do curso céntrase no deseño gráfico aplicado á elaboración de pósteres, combinando teoría, práctica e proxectos reais para potenciar a creatividade e a técnica dos participantes. O curso estará impartido por profesores e profesoras galegas, profesionais de referencia e especialistas no ámbito do deseño e da arte, que achegarán a súa experiencia e visión contemporánea da comunicación visual. Unha ocasión única para aprender deseño gráfico cun enfoque práctico e profesional, aplicando os coñecementos á creación de pósteres reais. A formación, de carácter intensivo, concede 6 créditos ECTS e está aberta a persoas maiores de 16 anos, sen necesidade de coñecementos previos específicos. Os asistentes traballarán coas ferramentas Adobe Illustrator e Adobe Photoshop, aprenderán composición, cor e tipografía, e participarán en exercicios creativos e reflexión crítica sobre o uso da imaxe no deseño gráfico. Cada participante desenvolverá un proxecto final, poñendo en práctica as habilidades adquiridas ao longo das sesións. Para completar o curso, requírese asistencia mínima ao 80 % das sesións e defensa do proxecto final”.

O curso é gratuíto e a inscrición xa está aberta a través da web da OFF ESCAC. É necesario abonar unha fianza de 50 euros, que será devolta ao superar o curso. Esta formación “supón unha oportunidade única para quen queira iniciarse ou profundar no deseño gráfico, tanto a nivel creativo como profesional”, destaca a asociación As Vacas Fracas.