A proba de ciclocrós Concello de Viveiro disputarase o 20 de decembro

O sábado 20 de decembro disputarase ciclocrós Concello de Viveiro, que é puntuable para a Copa Galicia 2025-2026. As competicións celebraranse en horario de mañá para categorías de cadetes, júniors, sub-23, elite e máster.

A presentación da proba tivo lugar este mércores e contou coa presenza de Mariña Gueimunde, alcaldesa de Viveiro; Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo; e Alberto Ballester, responsable da área de ciclocrós.

A proba comezará o sábado 20 de decembro ás 11.00 horas. Os participantes poderán recoller os dorsais desde as 9.30 horas. O prazo de inscrición permanece aberto ata o 18 de decembro e o límite de participantes é de 250. Os interesados poden obter máis información no sitio web da Federación Galega de Ciclismo.

A alcaldesa, Mariña Gueimunde, subliñou a importancia desta cita: “traer a Viveiro unha proba da Copa Galicia de ciclocrós é un orgullo e unha oportunidade para fomentar o deporte entre os nosos mozos e mozas. Queremos promover hábitos saudables, dar visibilidade ao potencial da nosa comarca e contribuír a dinamizar A Mariña a través dunha modalidade que une natureza, esforzo e vida saudable”.