
O día 8 de xaneiro, xoves, terá lugar o sorteo dos dez Soños de Nadal de Acia Foz-CCA. En xogo estarán 1.000 euros en vales de compra.
O presidente da asociación focense, José Carlos Paleo, dixo que “segue a nosa campaña destas datas na que sortearemos 10 Soños de Nadal. Será entre todas as persoas que realicen compras superiores a 10 euros nos negocios asociados entre o pasado 12 de decembro e o 6 de xaneiro. E o día 8, a través de Radio Foz, terá lugar o sorteo de 10 premios de 100 euros cada un en vales de compra”.
Paleo animou “a seguir apostando polo comercio local, que é o que lle da vida ás nosas rúas e ao noso pobo. En Foz os Reis Magos atoparán todo o que precisan para sorprender nestas datas e para que un soño de Nadal se faga realidade. Aproveitamos a ocasión desde Acia Foz-CCA para desexarlles ás empresas asociadas e á súa clientela un feliz e próspero 2026”.
Un ano máis Acia Foz-CCA premiará aos escaparates máis orixinais e bonitos: “a xente esmérase cada vez máis e queremos ter un recoñecemento con eses negocios que se enchen coa maxia do Nadal”, engadiu José Carlos Paleo, presidente de Acia Foz-CCA.
Para a campaña de Nadal Acia Foz-CCA conta coa colaboración da Xunta de Galicia e do Concello de Foz.


