
A piscina municipal de Cervo será o escenario esta fin de semana, días 24 e 25 de xaneiro, da Copa Galega absoluta de Wáter-polo masculina e feminina, unha das citas máis destacadas do calendario autonómico desta disciplina deportiva, organizada pola Federación Galega de Natación (FEGAN) coa colaboración da Xunta de Galicia e do Concello de Cervo.
O evento foi presentado oficialmente nun acto no que participaron a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e o presidente da FEGAN, Juan Carlos Brión, que puxeron en valor “a relevancia dunha competición deste nivel para o municipio e para o conxunto do deporte galego”.
Durante a presentación, a alcaldesa, Dolores García Caramés, destacou que “para Cervo é unha satisfacción poder acoller un evento deportivo autonómico desta categoría, que amosa a capacidade das nosas instalacións e o compromiso do Concello coa promoción do deporte”. Ademais subliñou que “este tipo de citas supoñen tamén un impulso para a actividade social e económica do municipio durante a fin de semana”.
A competición disputarase baixo un sistema de xogo eliminatorio (KO) en ambas categorías. Os partidos darán comezo o sábado 24 ás 11:00 horas coa categoría feminina, desenvolvéndose os distintos encontros ao longo da fin de semana ata a celebración das finais, previstas para o domingo pola tarde.
Na Copa Galega participarán “algúns dos principais clubs de wáter-polo de Galicia, convertendo a Cervo nun referente autonómico desta disciplina durante dous días e ofrecendo ao público a oportunidade de gozar dun espectáculo deportivo de alto nivel tanto en categoría masculina como feminina”.
Na Copa Galega masculina participarán os clubs CW Santiago, CW Lugo, CWP Ourense e RCN Vigo, xunto con CW Pontevedra, CM Ferrol e CWC Rías Altas.
Pola súa banda, na Copa Galega feminina competirán os equipos de CW Santiago, CW Lugo, CW As Mariñas e RCN Vigo, así como CW Pontevedra, CM Ferrol e CWC Rías Altas.
Desde o Concello de Cervo animan á veciñanza e ás persoas afeccionadas ao deporte a achegarse á piscina municipal para apoiar aos equipos participantes e “desfrutar dunha competición que consolida a Cervo como sede habitual de eventos deportivos de relevancia en Galicia”.


