
O Concello de Ribadeo, a través da Área de Igualdade e do Centro de Información á Muller (CIM), ven de presentar a programación con motivo do 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres, cun conxunto de actividades dirixidas a diferentes públicos e idades, co obxectivo de seguir avanzando na sensibilización, na educación en igualdade e na reflexión colectiva arredor dos dereitos das mulleres.
A concelleira de Igualdade, Begoña Sanjurjo, explicou que “a programación arrinca o día 25 de febreiro coa posta en marcha dos obradoiros afectivo-sexuais impartidos pola cooperativa Prisma, dentro do programa O Concello cos Coles. Estes obradoiros están dirixidos ao alumnado de 3° e 4° de ESO, ao alumnado de FP básica e de 5º e 6º de Educación Primaria e abordarán cuestións fundamentais como a educación emocional, o respecto nas relacións, os estereotipos de xénero e a construción de vínculos saudables”. O equipo está formado por Priscila Retamozo, psicóloga e sexóloga especializada en educación afectivo-sexual e prevención das violencias machistas, e Cristina Louzán, profesional do ámbito social cunha ampla traxectoria en coeducación e intervención en igualdade. Ambas desenvolven un traballo adaptado ás idades do alumnado, promovendo espazos seguros de reflexión e aprendizaxe.
A edil ribadense contou tamén que “dentro deste mesmo programa educativo, o 13 de marzo terá lugar no Cine Teatro unha actividade dirixida ao alumnado de 3º e 4º de Primaria a cargo do grupo Trémola Teatro. A través dun contacontos teatralizado trabállanse valores como o respecto, a diversidade, a ruptura de estereotipos e a importancia de construír relacións igualitarias desde as idades máis temperás, convertendo o teatro nunha ferramenta de sensibilización e transformación social”.
Entre o 5 e o 17 de marzo estará aberto o prazo de presentación de traballos para o II Certame de Fotografía Igualdade Ribadeo, que este ano leva por título Mulleres que inspiran. As fotografías deberán remitirse ao correo electrónico do CIM e as bases completas publicaranse na páxina web do Concello. O certame contará con tres categorías: A, maiores de 18 anos (premio de 400 €); B, menores de 18 anos (premio de 300 €); e C, centros de ensino (vale de 100 € en material para o centro e vale de 50 € para o/a alumno/a gañador/a). Como na edición anterior, con todas as obras presentadas organizarase unha exposición aberta ao público. Na dotación dos premios dos centros de ensino colaboran A Lusitana e TopCad Ingeniería S.L., ás que o Concello agradece o seu compromiso coa promoción da igualdade.
Begoña Sanjurjo seguiu a relatar que “o domingo 8 de marzo terá lugar a tradicional Manifestación Feminista, organizada polo Observatorio da Mariña pola Igualdade xunto con outras asociacións de mulleres de Ribadeo, coa colaboración do Concello. Este ano, ao coincidir en domingo, a convocatoria será ás 12:00 horas, con saída desde o aparcadoiro municipal xunto á rotonda do IES. Trátase dun espazo de reivindicación colectiva no que a veciñanza poderá sumar a súa voz á defensa dos dereitos das mulleres e á loita pola igualdade real e efectiva”. E engadiu: “ese mesmo día, ás 20:00 horas, o Auditorio Municipal acollerá a representación da obra Manual de Patronaxe, da compañía Teatro do Noroeste. A peza constitúe unha homenaxe ás mulleres coidadoras, ás nais e ás avoas que sostiveron xeracións enteiras co seu traballo silencioso e imprescindible. A través dun relato íntimo e emotivo, constrúese unha viaxe polos recordos da protagonista que propón un diálogo entre xeracións e reivindica, desde unha mirada feminista, o valor deses pequenos xestos e tarefas cotiás que tecen a vida. Está protagonizada por Iolanda Muíños, Susana Sampedro e Raquel Espada. A entrada terá un prezo de 10 € (5 € reducida)”.
A concelleira de Igualdade dixo ademais que “o día 9 de marzo, ás 19:00 horas, o Salón de Alcaldes do Concello acollerá unha charla sobre sangrados xinecolóxicos, que será impartida polo Dr. Ezequiel Cardoso González, xinecólogo. A sesión abordará, desde unha perspectiva médica e divulgativa, as diferentes causas dos sangrados vaxinais nas distintas etapas da vida das mulleres, facendo especial fincapé na importancia do seguimento sanitario, da detección precoz e da resolución de dúbidas frecuentes. O obxectivo é ofrecer información rigorosa que permita ás mulleres coñecer mellor o seu corpo e identificar cando é preciso consultar cun profesional sanitario, contribuíndo así á promoción da saúde feminina”.
Os días 13 e 14 de marzo celebraranse unhas xornadas formativas dirixidas a profesionais dos ámbitos educativo, social, sanitario e das forzas e corpos de seguridade, centradas na corresponsabilidade e na implicación dos homes nos coidados, así como na redistribución equitativa dos tempos e responsabilidades entre mulleres e homes. Sanjurjo sinalou que “as xornadas comezarán o venres pola tarde coa participación de Priscila Retamozo e Lucía Erice, e continuarán coa intervención de Towanda Rebels, dúo de activistas, artistas e escritoras feministas creado en 2017 e formado por Zua Méndez e Teresa Lozano. O seu traballo combina divulgación, análise social e creación cultural desde unha perspectiva feminista, abordando cuestións como a desigualdade estrutural, os roles de xénero e a educación en igualdade cunha mensaxe clara, directa e transformadora. O programa incluirá tamén unha mesa redonda na que participarán a Asociación Acougo de Familias de Acollida e Fagamos, asociación de familias monomarentais. Acougo desenvolve un labor fundamental de acompañamento e apoio ás familias acolledoras, visibilizando a importancia do coidado como responsabilidade social compartida e poñendo en valor o compromiso das persoas que ofrecen o seu fogar a menores en situación de vulnerabilidade. Pola súa banda, Fagamos traballa na defensa dos dereitos das familias monomarentais, reivindicando o recoñecemento institucional destas realidades familiares e denunciando as dificultades específicas que afrontan, especialmente no ámbito da conciliación e dos coidados. Será necesaria inscrición previa a través do correo electrónico ou do teléfono do CIM. O programa completo publicarase proximamente. As prazas son limitadas e entregarase certificado acreditativo de asistencia ás persoas participantes. Para estás xornadas contamos coa axuda da Conselleria de Promoción de Empleo e Igualdade da Xunta dentro do Plan Corresponsables”.
Desde a Área de Igualdade e o CIM de Ribadeo subliñan que “esta programación do 8M non é só unha conmemoración puntual, senón unha mostra do compromiso continuado do Concello coa promoción da igualdade real entre mulleres e homes. A educación en igualdade desde a infancia, a visibilización das mulleres, a posta en valor dos coidados e a formación dos e das profesionais constitúen ferramentas fundamentais para avanzar cara a unha sociedade máis xusta e corresponsable. Animamos á veciñanza a participar activamente nas actividades programadas e a facer do 8 de Marzo unha xornada de reflexión, reivindicación e compromiso colectivo coa igualdade”.
Na presentación da programación xunto a Begoña Sanjurjo estiveron a avogada e a psicóloga do CIM, Montse González e Patricia Pérez.


