
O Centro de Emprendemento do Concello de Cervo, situado no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, continúa a medrar coa incorporación dunha nova iniciativa empresarial. Trátase de A Comarca, un proxecto artesanal que ocupa o local número 3 das instalacións e que vén reforzar a diversidade e riqueza da oferta existente neste espazo.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata alí para facerlle a entrega das chaves á nova arrendataria, Celia Prada, dándolle a benvida a este centro e desexándolle moita sorte nesta nova etapa destacando a importancia deste tipo de proxectos para dinamizar o municipio e poñer en valor o talento local.
A Comarca terá o seu obradoiro en Sargadelos, onde centralizará a produción e abrirá un espazo ao público con tenda e zona de exposición que ofrecerá produtos artesanais únicos para todo tipo de eventos. Centrarase na elaboración de velas de cera de soia, un material natural e respectuoso co medio ambiente. Ademais, cada peza complétase con recipientes deseñados e fabricados a man polo propio equipo con resina ecolóxica, garantindo así un produto exclusivo e totalmente artesanal.
A rexedora lembrou que este espazo municipal conta cun alugueiro simbólico, unha medida impulsada polo Concello co obxectivo de apoiar o emprendemento, dinamizar a actividade económica e dar vida ao este lugar tan senlleiro do municipio como é Sargadelos.
“É unha aposta clara por parte do Concello para crear oportunidades, fixar poboación e apoiar a persoas emprendedoras que achegan valor e creatividade ao noso territorio”, sinalou, ao tempo que animou á nova arrendataria a seguir medrando e consolidando o seu proxecto.
Con esta nova incorporación, complétase a oferta do Centro de Emprendemento, que xa conta con iniciativas moi diversas como o Café Bar Cultural A Sacabeira, un espazo que combina hostalaría e programación cultural; Cabaliño de Pao, centrado no ocio rural e educativo en contacto cos animais; Hai Larán, un innovador escape room e espazo creativo para todas as idades; o taller de forxa artística de Telmo Cao, que une tradición e creación no ferro; o obradoiro de ebanistería artística, enfocado na madeira e na aprendizaxe artesanal; e Marmeladas A Morena, dedicado á elaboración de produtos ecolóxicos e de proximidade.
Deste xeito, o Centro de Emprendemento do Concello de Cervo consolídase como un espazo dinámico, diverso e en constante crecemento, onde conviven tradición, innovación e creatividade.


