
Este domingo, día 29 de marzo, ás 19:00 horas no Auditorio Hernán Naval, de Ribadeo, Os Quinquilláns van representar a súa versión de Cousas, de Castelao.
É unha actividade organizada pola Agrupación Cultural Francisco Lanza, que explica: “con esta representación poñemos fin á exposición Sempre en Galiza. 1944-2024, que aínda se pode ver na Oficina de Turismo de Ribadeo. Tanto a exposición como a representación teatral é patrocinada pola Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo”.
A Agrupación Cultural Francisco Lanza engade que “Os Quinquilláns celebran o Ano Castelao cunha divertida versión de Cousas na que están presentes os grandes temas do texto orixinal do rianxeiro universal: ecoloxía, solidariedade, emigración, xustiza social... O retranqueiro burro dun dos contos, trasunto do propio Castelao, enlaza as escenas entre as que se encontran O pai de Migueliño, A Marquesiña, O escuro caletre de Martiño ou Aínda eu non nascera. A montaxe transita entre a traxedia, a comedia e a farsa co obxectivo de respectar a lingua, a época e o ambiente do Rianxo natal dun autor cheo de sensibilidade persoal, artística e social. José Luis Pico Orjais, responsábel do Fondo Local de Música de Rianxo, incorpora un tema de Aida Saco e pezas vinculadas a Castelao coma o Alalá do mozo, interpretado na estrea en Bos Aires de Os vellos non deben de namorarse, ou unha muiñeira cantada por Castelao a Jesús Bal y Gay e recollida no seu cancioneiro”.


