
A Asociación Profesional de Obradoiros Artesáns da Mariña organiza a súa primeira iniciativa con motivo dos Días Europeos da Artesanía, que terá lugar o día 8 de abril, mércores, no Forte de San Damián, en Ribadeo. A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense anima a participar nestas actividades.
A xornada, impulsada pola asociación de recente creación, realízase en colaboración coa Fundación Pública de Artesanía de Galicia e o Concello de Ribadeo, co obxectivo de poñer en valor a riqueza dos oficios artesáns do territorio.
A creación da asociación está ligada ao traballo desenvolvido nos últimos anos xunto á Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, en iniciativas como A Mariña Artesá ou Obradoiros con Corazón, onde tamén se produciron os primeiros encontros que deron orixe ao colectivo.
Durante a xornada, o público poderá participar en 12 talleres artesáns, con propostas vinculadas á cerámica, á madeira, ao coiro ou ao téxtil, guiadas por profesionais en activo. Entre as actividades inclúense técnicas como o kintsugi, a estampaxe natural, a marroquinería, o torno de oleiro, a modelaxe ou o traballo coa la.
Ademais dos talleres, haberá unha zona expositiva de oficios tradicionais, na que participarán artesáns que non imparten cursos, pero que mostrarán o seu traballo. Entre eles, a coitelería de Rodil, da Pontenova, xunto a outras propostas.
A xornada de Ribadeo será a primeira dos Encontros Singulares de Artesanía que se celebran na provincia, coordinadas con outras dúas citas: o 10 de abril no claustro da Catedral de Lugo e o 12 de abril no Pazo de San Isidro de Mondoñedo. Estas organizadas por a ASOLUA (Asociación Lucense de Artesáns) e a Asociación de Artesáns dos Muíños de Mondoñedo, respectivamente.
A actividade desenvolverase entre as 11:00 e as 19:00 horas, con acceso gratuíto previa reserva. Todas as actividades que se celebran entre o 7 e o 12 de abril con motivo dos Días Europeos de Artesanía en toda España poden consultarse na web oficial www.diasdelaartesania.es, que conta cun buscador e mapa interactivo para localizar propostas por proximidade.


