O Concello de Cervo celebrará o XIX Encontro de Palilleiras e Feira de Artesanía este sábado, 11 de abril

O Concello de Cervo celebrará o XIX Encontro de Palilleiras e Feira de Artesanía este sábado, día 11 de abril, na carpa instalada na Praza dos Campos, en San Ciprián.

“Con 19 edicións de traxectoria, o Encontro de Palilleiras é unha cita xa plenamente consolidada no calendario do municipio, coa finalidade de poñer en valor unha tradición artesanal de gran relevancia cultural, que se mantén viva grazas á paciencia, á dedicación e á creatividade das persoas que a practican. Durante a xornada, as persoas asistentes poderán gozar da beleza dos traballos artesanais e ver en directo a destreza das palilleiras, contribuíndo así á conservación e á posta en valor dun oficio con gran tradición e séculos de historia”, anuncia o Concello de Cervo, que engade: “o encontro complétase cunha Feira de Artesanía e conta coa colaboración da asociación Mulleres de San Ciprián, A Rebolaxe, a Hostalería de San Ciprián e Saúde Mental A Mariña”.

As persoas interesadas en participar poden inscribirse na Casa da Cultura de San Ciprián, nos teléfonos 982.595.157 ou 629.912.239, ou a través do correo electrónico casadacultura@concellodecervo.com. As prazas cubriranse ata completar aforo.