
O IES de Ribadeo Dionisio Gamallo acollerá o día 29 de abril, mércores, o I Encontro das Universidades Galegas co fin de achegarlle a súa oferta académica ao alumnado dos institutos da Mariña.
A directora do IES Dionisio Gamallo, María Ron, explica que “o vindeiro 29 de abril a partir das 18:00 horas terá lugar no salón de actos do noso centro un encontro con representantes delegados das tres universidades galegas (Universidade de Vigo, Universidade de A Coruña e Universidade de Santiago de Compostela) co fin de facilitar información sobre a súa oferta Académica, procedemento de admisión, becas, residencias, xornadas, mobilidades, másteres, etcétera”. Os poñentes serán: Diana Fernández Méndez, da USC, Ana Caamaño Martínez, da UVigo, e Luis Hervella Nieto, da UDC.
María Ron considera que “esta xornada pode ser moi interesante para as comunidades educativas dos centros da contorna xa que, por cuestión loxística, ás veces resulta moi complicado acceder a unha información global. Debido á limitación de espazo recomendámoslle ao alumnado de Bacharelato, interesado en asistir, e ás asociacións de pais e nais que se anoten no noso centro, poñéndose en contacto coa Secretaría”. E engade: “agradecemos desde o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo a difusión e o interese manifestado por este encontro, que terá lugar o vindeiro 29 de abril. Na xornada os asistentes recibirán información de primeira man sobre as tres universidades galegas, toda a súa oferta e todo o que implica a vida universitaria, saír da casa, atopar residencias, as comunicacións entre esta comarca e as cidades de Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela… todo o que os nosos estudantes precisan saber para afrontar unha etapa fundamental na súa vida”.


