Trabada ultima os preparativos da VII Festa da Enfariñada, que se celebra este domingo, 3 de maio

O Concello de Trabada ultima os detalles para a celebración da VII Festa Gastronómica da Enfariñada, que terá lugar este domingo, día 3 de maio, a partir das 12:00 horas na explanada situada fronte ao parque da rúa San Roque.

A poucos días da celebración desde o Concello fan un chamamento á veciñanza e visitantes para que se acheguen “a gozar dunha das citas máis destacadas do calendario local, que cada ano reúne a centos de persoas arredor da gastronomía e a tradición”.

A festa contará, como é habitual, coa elaboración en directo da enfariñada por parte de máis de 40 veciños e veciñas voluntarios, “mantendo viva esta receita tradicional que se converteu nun símbolo do municipio”.

Un ano máis, a Asociación Saúde Mental A Mariña encargarase da elaboración das cuncas da festa, dentro da colaboración que mantén co Concello de Trabada, “reforzando así o compromiso social deste evento”.

Entre as propostas gastronómicas, repetirán as opcións sen glute e as filloas elaboradas polas fiolleiras de Muimenta. Como novidade nesta edición, os asistentes poderán degustar tamén enfariñada con bonito de Burela, da man da Sociedade Cultural Ledicia.

Ademais a xornada completarase cun mercado de produtos artesanais e de proximidade e cun programa musical que inclúe as actuacións de Mestura de Nete, Grupo Lume e a Orquestra Marbella.

O alcalde de Trabada, Rubén García, destaca: “estamos a piques de vivir un dos días máis especiais do ano en Trabada, unha festa que representa o esforzo colectivo da nosa veciñanza e o orgullo polas nosas tradicións”. Así mesmo, animou a participar “tanto á xente de Trabada como a todas as persoas que queiran achegarse a descubrir unha festa única, feita con agarimo e coa implicación de todo un pobo”.

Desde o Concello subliñan que este tipo de iniciativas “contribúen a dinamizar a vida social e económica do municipio, ao tempo que poñen en valor a identidade e a cultura local”.