A tenda ribadense Mercería y Confección Susana Moreira cumpre 10 anos e celébrao co sorteo dunha saia indiana

A tenda Mercería y Confección Susana Moreira acaba de cumprir 10 anos desde a súa apertura na avenida de Galicia, número 7, de Ribadeo e vai celebralo sorteando unha saia indiana a través da súa páxina en Instagram. A propietaria do establecemento, Susana Moreira, explica que “a participación abrirase este xoves, día 14 de maio, e rematará o luns 18, cando se celebrará o sorteo e a persoa gañadora poderá escoller entre 5 modelos diferentes de saia, de distintas telas e que se poden adaptar á talla da afortunada”.

Susana Moreira fai un balance positivo destes dez anos do seu negocio porque conta con moita clientela fixa e pola gran evolución que experimentou: “a tenda actual non ten nada que ver coa do principio, é moi diferente”. E explica os motivos da transformación do establecemento: “empecei abrindo varios campos como paquetería, mercería telas e las, pero co paso do tempo decidín quedarme con mercería, venda de las e tamén artigos que fago eu, como neceseres, mochilas, complementos para bebés, etcétera. Tamén me dedico a arranxos de roupa e ademais na tenda impártense talleres e cursos de ganchillo e calceta”. Por exemplo o día 23 deste mes de maio en Mercería y Confección Susana Moreira haberá un taller de iniciación ao bordado.

A maior parte da clientela e das participantes nos cursos e talleres son mulleres, pero tamén hai algúns nenos e rapaces: “nos veráns viñeron algúns nenos e sobre todo sorprendeume un porque entendía moito de las. E hai dous rapaces que me compran a la para facer bonecos amigurumis”, comenta Susana Moreira.