
O Centro de Información á Muller (CIM) do Concello de Ribadeo pon en marcha por segundo ano consecutivo a campaña denominada Completa a bandeira do Orgullo, unha iniciativa creada para visibilizar, sensibilizar e celebrar a diversidade arredor do Día Internacional do Orgullo LGTBI, que se conmemora o 28 de xuño, aínda que en Ribadeo a celebración terá lugar o vindeiro 21 de xuño.
Desde o CIM de Ribadeo explican que “desde o 15 de maio ata o propio 21 de xuño, veciñanza e visitantes poderán participar nesta divertida proposta colaborativa co comercio e a hostalaría locais. O funcionamento é moi sinxelo: haberá que completar unha tarxeta conseguindo seis selos de seis establecementos colaboradores diferentes -non se admitirán selos repetidos- para poder entrar no sorteo final. Durante estes días repartiranse tarxetas polas rúas entre os transeúntes e, ademais, todas aquelas persoas que queiran participar poderán recoller gratuitamente a súa tarxeta no CIM. Os establecementos participantes aparecen recollidos nas redes sociais para facilitar que a xente poida completar a súa bandeira do orgullo. Desde o CIM queremos agradecer especialmente a colaboración de Acisa, que participa na difusión desta campaña e contribúe a implicar ao tecido comercial e hostaleiro da vila nesta iniciativa de sensibilización e apoio á diversidade. Os premios son un brunch para dúas persoas en DeLira e un lote de produtos da zona do Ferrado Marelo. Ademais agradecemos a negocios colaboradores como Bora Bora, Galán, Pan de Limón, 2Barbers, Aware Cakes e Ribeirao, que achegaron sorpresas para repartir no sorteo e facer aínda máis especial esta celebración. Se algún establecemento máis colabora neste sentido farémolo saber”.
O sorteo celebrarase o propio 21 de xuño durante a Festa do Orgullo organizada no parque de San Francisco, “nun ambiente festivo e aberto a toda a cidadanía, no que contaremos coa actuación de Eris Mackenzie e cunha divertida festa Holi chea de cor”.
Desde o CIM do Concello de Ribadeo animan “a toda a veciñanza a participar, apoiar o comercio local e sumarse a unha campaña que busca construír unha vila máis diversa, respectuosa e orgullosa da súa pluralidade”.


