
O concello de Cervo acollerá do 20 de maio ao 2 de xuño a exposición titulada Os Maragatos da Porta de San Pedro, unha mostra organizada polo Colectivo Egeria e a Fundación Carmen Pérez-Carro, coa colaboración do Concello, que poderá visitarse na Sala Cultural Xosé Vizoso, situada no edificio das Carboeiras, no Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos.
A inauguración oficial terá lugar o mércores 20 de maio ás 12:00 horas, nun acto aberto ao público no que se presentará esta proposta expositiva que “afonda nas raíces maragatas da familia Pérez-Carro e na súa vinculación histórica coa cidade de Lugo ao longo de máis de 145 anos”, anuncia o Concello de Cervo, que engade: “a mostra está composta por doce paneis redactados en galego e castelán, nos que se realiza un percorrido pola traxectoria da familia Pérez-Carro desde a súa chegada a Lugo arredor de 1880 procedente de Santa Colomba de Somoza. A exposición pon en valor o legado comercial, social e empresarial dunha saga familiar fondamente ligada á Porta de San Pedro e á vida económica lucense. Os visitantes poderán coñecer tamén o contexto histórico no que a familia se asentou extramuros da cidade, así como a evolución das distintas xeracións, con presenza en ámbitos profesionais como a medicina, o dereito, a administración pública ou a empresa familiar”.
Con esta iniciativa o Concello de Cervo suma ao Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos unha proposta cultural que “conecta Galicia e León a través da memoria, o emprendemento e a conservación do patrimonio familiar e social”.


