A Big Band da EMMeD de Ribadeo actuará na festa de fin de curso da Escola Oficial de Idiomas ribadense este mércores, 3 de xuño

A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo continúa a levar a súa actividade pedagóxica e artística máis alá das aulas. Nesta ocasión a Big Band da EMMeD será a encargada de poñer a nota musical á Festa de Fin de Curso da Escola Oficial de Idiomas (EOI) ribadense, que terá lugar este mércores, día 3 de xuño.

A actuación, que dará comezo ás 19:00 horas nos xardíns da EOI, servirá para que o alumnado da formación amose o traballo desenvolvido durante os últimos meses. “Cun repertorio dinámico e pensado para todos os públicos, a Big Band buscará crear un ambiente festivo e de convivencia entre ambas institucións educativas nun marco inmellorable ao aire libre”, anuncia a EMMeD, que ademais salienta “a importancia destas colaboracións, que permiten aos alumnos e alumnas de música enfrontarse ao público en diferentes contextos e fortalecer os vínculos co tecido cultural da vila”.

A dirección da Escola Municipal de Música e Danza ribadense convida a toda a veciñanza, así como á comunidade educativa de ambos centros, a achegarse aos xardíns da EOI de Ribadeo “para desfrutar desta cita coa música en directo”.