
Os establecementos asociados a Acisa repartirán 180.000 rifas entre o 19 de xuño e o 12 de xullo, xornada na que terá lugar o sorteo dunha viaxe a México no marco do XI Ribadeo Indiano. Será ao remate do concerto que Estrellas de Buena Vista y Más ofrecerán na rúa San Roque.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, manifestou: “dende Acisa quixemos un ano máis poñer os máximos recursos posibles a disposición dos nosos socios e socias para contribuír a facer o mellor Ribadeo Indiano posible e deste xeito dinamizar a economía local. E por iso neste 2026 volve o sorteo dunha viaxe a México para dúas persoas. Somos conscientes do éxito que tivo esta iniciativa nas edicións pasadas e consideramos que non podía faltar este ano, pero queriamos darlle un impulso. Será a sexta vez que desde Acisa enviemos ás Américas a unha parella no mes de setembro. Dende a nosa asociación estamos a traballar para premiar e fidelizar as compras na nosa vila nunha época na que comezan as rebaixas e aumenta a afluencia turística e sen dúbida este sorteo é unha axuda moi importante e unha cita moi agardada tanto polos negocios locais asociados como pola súa clientela”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explicou que “Acisa pon en circulación desde este venres 180.000 papeletas, 20.000 máis que na edición pasada. A viaxe que se sortea é para dúas persoas e será para desfrutar do 11 ao 18 de setembro de 2026. O premio cubre o vo Madrid-México-Madrid, así como 7 noites de hotel en habitación dobre premium room en réxime de todo incluído, no hotel Iberostar Waves Paraíso de 5 estrelas, así coma servizos extra como embarque preferente, asentos especiais, asistencia a eventos na Rivera Maya, entre outros complementos extra”.
Pérez Prada dixo que “participar no sorteo é moi sinxelo. As rifas estarán a disposición dos clientes nos establecementos asociados a Acisa do 19 de xuño ao 12 de xullo. O único que teñen que facer é pedir as rifas tras o gasto realizado. As papeletas deberán ir debidamente seladas polos establecementos. O sorteo, ante notario, será presencial o 12 de xullo tras a actuación de Estrellas de Buena Vista y Más. É moi importante destacar e incidir en que a rifa debe conservarse ata o mesmo 12 de xullo e que ese día dende as catro da tarde ás nove da noite, as persoas que teñan papeletas no seu poder, deberán introducilas na urna que estará instalada fronte aos Cocos na rúa San Roque. Alí deberá quedar a parte pequena da rifa co selo do establecemento e haberá que conservar a parte grande para o sorteo. Non serán validas as papeletas sen o selo dos negocios, ou con selos de establecementos non asociados. As bases do sorteo están dispoñibles na web e redes sociais de Acisa”.
O xerente de Acisa engadiu: “sendo moi prudentes, coa edición das 180.000 rifas e facendo unha media de 4 rifas por compra e unha media de 40 euros de valor de cada compra estariamos a falar de que estariamos xerando 1.800.000 euros de impacto na economía local de Ribadeo nas tres semanas que dura campaña, sen contar os tres días do evento”.
A presidenta do colectivo empresarial tivo palabras de agradecemento para as administracións e para os patrocinadores: “queremos agradecer o apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da Área de Cultura, e á Xunta de Galicia, que cofinancian esta programación do Ribadeo Indiano, así como ao Concello, co que seguimos a coorganizar este importante evento histórico cultural. E tamén quero dar as grazas aos nosos patrocinadores: a Cervexas Alhambra, que colabora co Ribadeo Indiano na súa liña de compromiso por apoiar todas aquelas experiencias únicas pensadas para desfrutar sen presa e dedicando a cada cousa o tempo que se merece, ao Banco Sabadell, a Caixa Rural, a Vitaldent, a Gestión Gratelu e a Discosta que afianzan a súa colaboración con nos. Sen a súa inestimable axuda non poderiamos chegar a onde chegamos neste XI Ribadeo Indiano”.
Jesús Pérez manifestou: “dende Acisa queremos resaltar o noso compromiso coa organización do Ribadeo Indiano e como consecuencia co traballo en estreita colaboración co Concello de Ribadeo para levalo a cabo. Ambos aportamos o que somos capaces, cada un dende as súas posibilidades con recursos propios e cos que nos achegan as diferentes administracións e firmas privadas a cada un de nós para levar a cabo un gran evento que dinamiza a economía local e fomenta o turismo neste municipio”.
A presidenta de Acisa dixo: “hai que agradecer tamén todo o traballo que hai detrás dunha cita destas dimensións ao persoal do Concello de Ribadeo, ao persoal de Acisa, e a todas as persoas que de xeito voluntario tamén aportan o seu gran de area para que o Ribadeo Indiano vaia a máis e se supere ano tras ano. A conta atrás comezou e aquí xa respira o seu ambiente. As maletas, as hortensias, as fotos, as lembranzas, a morriña empezan a invadir este concello e a memoria das súas xentes”.
No acto de presentación da viaxe a México, que se sorteará no marco do XI Ribadeo Indiano, participaron representantes de Acisa, da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, do Concello de Ribadeo e dalgunhas das firmas patrocinadoras.


