
En Ribadeo dan comezo as rebaixas de verán no Centro Comercial Aberto coas mellores vistas. Acisa repartiu materiais gratuítos entre os comercios asociados.
O xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, Jesús Pérez, manifestou: “hoxe dende Acisa damos por inauguradas as rebaixas de verán. Dende hai uns días xa hai establecementos que as comezaron e tal e como se plantexa o calendario deste ano pensamos en que era una boa idea adiantalas un pouco. Durante xullo e agosto centos de negocios terán grandes descontos e múltiples artigos de tempada a prezos moi interesantes, polo que animamos á veciñanza e aos visitantes a aproveitar esta gran cita. Nesta campaña de rebaixas coma noutras, desde Acisa apoiamos aos nosos negocios con materiais gratuítos, que xa foron repartidos, como cartelería anunciadora das rebaixas, tarxetas co antes e co despois da aplicación dos descontos correspondentes, co fin de cumprir coa normativa vixente. A campaña tamén inclúe publicidade en redes sociais e medios”.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, anima “a mercar no Centro Comercial Aberto coas mellores vistas e lembrámoslle á clientela do comercio, da hostalería e dos servizos asociados a Acisa que pida as súas papeletas para ter a posibilidade de participar no sorteo dunha viaxe a México para dúas persoas, que realizaremos o vindeiro 12 de xullo no marco do Ribadeo Indiano 2026. Que ninguén esqueza solicitar as súas rifas. Hai repartidas 180.000”.
Cruzado Iglesias engadiu: “como sempre dicimos Ribadeo é o mellor Centro Comercial Aberto, xa que aquí se pode disfrutar dunha experiencia integral de ocio e de compras e queremos demostralo dando os mesmos servizos que as grandes áreas comerciais das cidades, por iso queremos recordarlles tamén aos nosos asociados e asociadas que para esta temporada de verán que xa comezou, dispoñen de múltiples materiais gratuítos que poden solicitarnos: bolsas para o comercio, vasos, envases e bolsas de comida para levar para hostalaría ou mapas turísticos e pases para visitar as Catedrais destinados aos hoteis. Así como os propios materias de rebaixas para o comercio. E aproveitamos para desexarlles á veciñanza e aos turistas un feliz verán. Ribadeo ten moito que ofrecer, infinidade de recunchos por descubrir e moitas propostas para facer que este verán sexa inesquecible”.


