
O organismo supramunicipal explica que “son moitos os plans e programas que vén desenvolvendo nos últimos anos a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense cun obxectivo principal: acadar un modelo turístico sostible no territorio, que xere valor para as persoas que nos visitan e tamén para a comunidade local, acadando un equilibrio beneficioso e enriquecedor para todos os axentes do sector. Agora que chega a época estival, temporada de maior presión turística no territorio da Mariña, a Mancomunidade aproveita para concienciar e sensibilizar sobre a importancia de practicar un turismo respectuoso, minimizando os impactos negativos naqueles lugares visitados. Concretamente, a Mancomunidade vén de compartir dúas publicacións lanzadas o pasado ano e que tiveron unha gran acollida por parte da comunidade local e das persoas que nos visitaron. Trátase da Guía do turista responsable e o Decálogo de boas prácticas para a conservación da píllara das dunas das praias da Mariña Lucense, dous documentos que se comparten a través da páxina web da Mancomunidade”.
Ademais a Mancomunidade de A Mariña indica que a Guía do turista responsable “trátase dun documento sinxelo e conciso que, máis alá de recompilar recomendacións para viaxar responsablemente, invita a repensar como viaxamos e como influímos nos lugares que visitamos. O documento xurde como parte do proxecto de Estudos de Capacidade de Carga en 11 lugares de especial fraxilidade deste territorio, impulsado ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense, cofinanciado pola propia Mancomunidade, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo. É unha ferramenta para favorecer un turismo máis sostible, orientada ás persoas que visitan o territorio, pero tamén a todos os axentes sociais e económicos que forman parte do sector e que, coa súa actuación, contribúen a unha correcta xestión do turismo. A guía é unha recompilación concisa e sinxela de recomendacións que permitan aos viaxeiros e viaxeiras coñecer o destino, neste caso A Mariña, dunha forma consciente e sostible. Pero, máis alá destas claves, pretende servir como documento base para invitar ás persoas a reflexionar sobre como viaxan e como os seus comportamentos durante esas viaxes inflúen nos espazos e nas comunidades que visitan. Este enfoque está directamente aliñado co turismo sostible ao que aspira A Mariña Lucense, un tipo de turismo que promove unha maneira de viaxar e desfrutar dos destinos minimizando os impactos negativos no medio ambiente, na cultura e na economía local, ao tempo que aumenta os beneficios nos territorios anfitrións”.
A Mancomunidade da Mariña engade que a Guía do turista responsable “está estruturada en diferentes bloques nos que se comparten claves para converter unha visita nunha experiencia positiva para todos os axentes implicados. Ademais, trátase de non poñer o foco nas persoas que nos visitan desde un punto de vista negativo, senón de aproveitar a riqueza e as potencialidades do sector e guialo dentro da transformación global que está a vivir, encamiñada a un modelo máis sostible e de futuro. Así, desde A Mariña Lucense convídase ás persoas que nos visitan a aproveitar todos os recursos informativos dispoñibles, gozar da cultura local, promover o desenvolvemento local do territorio, contribuír á conservación do patrimonio, axudar á preservación ambiental e elixir produtos e servizos sostibles.
En canto ao Decálogo de boas prácticas para a conservación da píllara das dunas das praias da Mariña Lucense, a Mancomunidade explica que “a praia é un ecosistema natural do que dependen numerosas especies, entre elas a píllara das dunas, común na Mariña Lucense, onde existen áreas prioritarias de conservación da píllara das dunas nos municipios de Barreiros e Foz (praias de Altar, A Pampillosa e A Rapadoira), aínda que calquera areal con sistema dunar é un potencial hábitat para esta especie. Nestes lugares estas aves aproveitan para nidificar, directamente sobre a area, e atopan alimento, tanto en época de reprodución como durante os pasos migratorios e a invernada. Cuns sinxelos consellos pódese axudar a conservar as praias como espazos de biodiversidade animal e vexetal, garantindo o equilibrio do ecosistema. Así, desde a Mancomunidade trátase de sensibilizar á poboación do valor do patrimonio natural do territorio, un espazo único vital para as persoas que o habitan e para aquelas que chegan a visitarnos atraídas por esta riqueza. O decálogo foi elaborado no marco das accións de conservación desenvolvidas durante o Encontro de Turismo de Observación da Natureza natureWatch A Mariña Lucense, celebrado en marzo de 2025 en Barreiros. Este evento, que congregou a participantes chegados de toda España, tivo como obxectivo contribuír de forma ordenada ao impulso do turismo de observación da natureza, promovendo as bases sobre as que construír a súa regulación, o emprendemento e o desenvolvemento sostible dos espazos naturais. A súa redacción foi dirixida por María Vidal (Universidade de Santiago de Compostela) e validada polos asistentes ao encontro”.


