Cervo celebrará a XIX Festa do Ovo Frito o venres 14 de agosto

O Concello de Cervo anuncia que “volverá converterse nun punto de encontro para veciños e visitantes coa celebración da XIX Festa do Ovo Frito, que terá lugar o venres 14 de agosto nas inmediacións da Praza do Souto. Esta consolidada cita do verán cervense está organizada polas asociacións culturais Airiños do Xunco e Cabaleiros da Bidueira, coa colaboración do Concello de Cervo, e cada ano reúne a milleiros de persoas que se achegan á localidade para compartir unha xornada de gastronomía, música e convivencia”.

Desde a organización explican que “o reparto das racións comezará ás 20:00 horas. Cada unha incluirá ovos fritos, patacas, chourizo, pan e bebida, cun prezo de 7 euros. Para atender a elevada participación prevista, prepararanse 8.000 ovos e 4.000 chourizos, que serán cociñados en directo ao longo da tarde, convertendo a elaboración nun dos grandes atractivos da festa. A programación completarase coa animación da Charanga DGT, que percorrerá as rúas creando ambiente festivo, e coa actuación da Disco Móbil Conxuro, que prolongará a celebración ata ben entrada a noite”.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, anima á veciñanza e ás persoas que visitan a comarca durante estas datas a participar nunha festa que “xa forma parte da identidade do noso verán e que cada ano demostra a enorme capacidade de Cervo para acoller a milleiros de persoas nun ambiente familiar e de convivencia”.

A rexedora agradece “o extraordinario traballo e a implicación das asociacións Airiños do Xunco e Cabaleiros da Bidueira, así como de todas as persoas voluntarias que fan posible unha cita destas dimensións. Grazas ao seu esforzo e compromiso, esta festa segue medrando edición tras edición e consolidándose como un referente gastronómico e festivo da Mariña”. Así mesmo destacou que a Festa do Ovo Frito “é tamén un importante reclamo turístico e económico para o municipio, que contribúe a dar a coñecer Cervo como un destino atractivo durante o verán”.

Desde o Concello de Cervo convidan a toda a veciñanza e aos visitantes a achegarse o próximo 14 de agosto á Praza do Souto “para gozar dunha das celebracións máis multitudinarias e emblemáticas do calendario estival cervense, na que a gastronomía, a música e o bo ambiente volverán ser os grandes protagonistas”.