
O Concello de Cervo ultima os preparativos para celebrar a 41ª edición da Festa da Maruxaina, “unha das citas máis emblemáticas do verán galego e unha festa declarada de Interese Turístico Galego que volverá converter San Ciprián no epicentro da tradición mariñeira, da cultura popular e da convivencia. Durante varios días desenvolverase unha programación pensada para todos os públicos, na que non faltarán a música de rúa, a gastronomía, os actos tradicionais e, como gran protagonista, a chegada da lendaria Maruxaina á Praia do Torno”.
“Como complemento ás actividades desde o luns 3 ata o xoves día 6 haberá tamén viaxes en barco aos Farillóns con saída desde o porto de San Ciprián de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas (luns e xoves); e martes e mércores en horario de tarde, ofrecendo a oportunidade de coñecer desde o mar un dos espazos máis singulares da costa cervense. O ambiente festivo irá medrando coa celebración da Pre-Maruxaina, o venres 7 de agosto, que comezará ás 19:00 horas co tradicional chupinazo na Praza Nardo Martínez. Haberá concentración de maruxain@s, degustación popular de empanadas e bolos preñados e os xa tradicionais Cantos de Taberna, que percorrerán os locais hostaleiros da vila enchendo de música as rúas de San Ciprián. A xornada incluirá tamén o acto de nomeamento d@ Maruxain@ de Honra 2026, a cargo da asociación Amigos da Maruxaina. A xornada estará amenizada polo grupo A Rebolaxe”, anuncia tamén o Concello de Cervo.
O sábado 8 de agosto, día grande da celebración, arrancará ás 11:00 horas cun novo chupinazo e pasacalles. Ás 12:00 horas celebrarase o desfile popular Engaiolamos á Maruxaina, ao son do corno mariñeiro e das gaitas. Ao longo da mañá serán a Charanga Tambukada, Louband Street Band, Os Charangos e a Charanga Santa Compaña as encargadas de poñer a banda sonora da festa, percorrendo as rúas e animando veciños e visitantes. Xa pola tarde, ás 18:30 horas, a Praia do Torno acollerá os tradicionais Xogos da Maruxaina, organizados pola Asociación Mar de San Ciprián, con diferentes probas populares que cada ano reúnen a participantes de todas as idades. “O momento máis esperado chegará ás 23:00 horas, cando a Maruxaina desembarque na Praia do Torno acompañada polos mariñeiros, nun espectáculo único que volverá encher de emoción e simbolismo a noite cervense e que culminará cun espectáculo de fogos artificiais. A continuación, coa colaboración de Amigos da Maruxaina e de Mar de San Ciprián, celebrarase o tradicional Xuízo Popular á Maruxaina, antes de iniciar o percorrido ata a praza, onde continuará a celebración, coa actuación tamén do grupo Folclórico de Mistura e cunha gran Queimada Popular na Praza dos Campos. O peche da festa correrá a cargo do Grupo Elebe 2.0 e da Orquestra Arizona, que ofrecerán a gran verbena”, destaca o Concello de Cervo.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, destacou que “a Maruxaina é moito máis ca unha festa; é un sinal de identidade que forma parte da nosa historia. Cada edición consegue implicar a centos de persoas, asociacións e colectivos que traballan durante meses para que San Ciprián volva vivir unha fin de semana inesquecible”.
A rexedora subliñou tamén: “desde o Concello seguimos apostando por conservar a esencia dunha celebración que soubo medrar sen perder a súa autenticidade. Queremos que quen nos visite descubra unha festa diferente, nacida da tradición popular e da implicación dun pobo enteiro”.
García Caramés aproveitou para convidar a veciños e visitantes a participar: “animamos a toda a xente a achegarse a San Ciprián e vivir a Maruxaina con responsabilidade, respecto e ganas de gozar. Estamos convencidos de que volveremos demostrar por qué esta é unha das festas máis singulares e queridas de Galicia.
Co obxectivo de garantir o normal desenvolvemento de todos os actos, o Concello contará cun importante dispositivo de seguridade coordinado cos diferentes corpos e forzas de seguridade. Ademais durante toda a celebración permanecerán operativos un Punto Lila e un posto de seguridade para ofrecer información, atención e reforzar a prevención”.


